sábado, noviembre 23, 2024
InicioComarcasLouriñaPorriño dá o primeiro paso para a creación dun gran parque á...

Porriño dá o primeiro paso para a creación dun gran parque á beira do Louro

A Xunta de Galicia vén de aprobar unha inversión de máis de 400.000 euros para o acondicionamento do viario coñecido como “ruta do colesterol”, con luminaria, asfaltado e carril bici

Unha nova inversión de 401.763,52 euros é o que vén de recibir o Concello do Porriño da man da Xunta de Galicia. Así, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde porriñés, Alejandro Lorenzo, asinaron un convenio para a execución do proxecto de acondicionamento do viario asfaltado paralelo á vía do tren nas proximidades do Paseo do Louro, ou o que popularmente se coñece como “ruta do colesterol” transitado a diario por centos de veciños, pequenos e maiores, que empregan o lugar para pasear, correr ou andar en bicicleta.
O tramo sobre o que se acometerán os traballos é de quilómetro e medio (1.460 metros exactamente) que comprende dende Atios ata o paso soterrado peonil da vía do tren que da acceso ao casco urbano. O proxecto inclúe a instalación de alumeado público e a mellora do pavimento habilitando un carril ciclista bidireccional e outro para peóns, eliminando o tráfico rodado, que na actualidade xa é escaso ao ser unha estrada sen saída e que só conduce ás veigas; aínda que si se habilitaría unha zona de aparcamento de vehículos para facilitar o acceso da veciñanza de fóra que acuda ao lugar.
“Esta actuación suporía unha primeira fase de transformar a contorna do río Louro, ao seu paso por Porriño, no pulmón da vila, unha gran área verde, con parques para pequenos e maiores, zona de paseo, bici e tamén unha superficie acondicionada para a celebración de eventos que poden ser dende grandes concertos, a modo de auditorio ao aire libre, ata incluso o oficio de vodas”, explica o alcalde. Para elo, a empresa Frigolouro xa ten cedido unha superficie importante e estanse a adquirir terreos de particulares para acondicionalos a tal fin.
O convenio asinado fai uns días na casa consistorial por parte da conselleira e do alcalde foi posible trala recepción de todos os permisos e informes sectoriais, que se demoraron meses imposibilitando que se formalizase antes o convenio. Unha vez aprobado o proxecto pola Xunta de Galicia procederase á súa licitación para o inicio dos traballos que estarán rematados neste mesmo ano 2023.
“Con esta actuación Porriño suma e sigue en zonas verdes e recreativas. Está en marcha o gran espazo en pleno casco urbano que une as rúas Antonio Palacios e Pío XII e tamén a remodelación integral do antigo Campo da Feira. Ademais temos proxectadas tamén áreas de lecer e adecuación de espazos públicos nas diferentes parroquias. Somos un pobo comercial e industrial si, pero tamén dispomos de áreas de lecer ás que a veciñanza pode acudir a desconectar, soa ou en grupo, con familia e amigos, tanto a cativada como a mocidade e os nosos maiores, un espazo de convivencia sen necesidade de saír da vila”, conclúe Lorenzo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS