Instalarase esta tecnoloxía en todas aquelas que aínda non a teñan. Un proceso que comeza cun exhaustivo inventario, que xa está contratado
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou de que o Concello vén de adxudicar a contratación dunha asistencia técnica para consultoría enerxética a unha empresa que realizará un inventario de todas as luminarias do municipio para detectar cales teñen xa sistema led e cales non para, a continuación, facer o cambio a led na súa totalidade, co obxectivo de lograr un importante aforro enerxético.
En Mos existen unhas 6.000 luminarias de alumeado público e, co fin de implementar a eficiencia enerxética municipal, preténdese sacar a concurso a adxudicación da obra de cambio a tecnoloxía led das que aínda non o teñen e tamén de aportar o subministro eléctrico. Subministro que, a partir da renovación total das luminarias, abonarase co aforro que supoña a devandita renovación; condición que incluirá xa o contrato que, no seu momento, se asine coa empresa concesionaria.
O primeiro paso deste procedemento é a realización do inventario que xa está contratado, para a continuación iniciar a contratación da obra e o servizo. A rexedora local mosense, Nidia Arévalo, estima que o procedemento poida estar rematado de cara a finais do presente ano 2023 ou comezos de 2024, tendo en conta que, desde que se adxudica o contrato, a empresa adxudicataria dispón dun prazo de 6 meses para cambiar todas as luminarias que non o sexan a sistema led.
Encargarase do inventario a empresa Consultoría de Calidade Selecta (CCG), para logo implantar o modelo de xestión da iluminación pública un proxecto de mellora da eficiencia enerxética, mellora da iluminación, un plan director da rede de iluminación pública e levar acabo dita implantación.
A asesoría enerxética contratada fará tamén inventario, ademais das luminarias, dos cadros de mando, ou centros de control da iluminación.
Detectará e proporá solución para posibles problemas de iluminación pública detectados mediante o modelo de Empresa de Servizos Enerxéticos tal e como recomenda a Directiva Europea 2006/32/CE, sobre as instalacións de iluminación pública.
O concello con este modelo non realiza ningún investimento, cos importes en gasto corrente de todas as partidas relacionadas coa iluminación pública, (enerxía, mantemento, reposicións de material, avarías, festas e nadal, etc.), menos a baixa obtida na futura licitación da xestión integral da iluminación pública obtén a solución a todos os problemas antes mencionados.
O importe do contrato deste inventario ascende a 11.500 euros máis IVA.