jueves, octubre 31, 2024
InicioComarcasLouriña1,2 millóns para a rehabilitación integral do IES Pino Manso

1,2 millóns para a rehabilitación integral do IES Pino Manso

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, acompañado polo alcalde, Alejandro Lorenzo, visitou o centro para comprobar o resultado desta actuación, que eleva a 2,6 millóns de euros o investimento realizado polo goberno galego nos sete centros educativos do Porriño

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, e os equipos directivos dos centros educativos do municipio, visitou o IES Pino Manso para comprobar o resultado das obras de rehabilitación integral nas que o seu departamento investiu preto de 1,2 millóns de euros. “Unha actuación enmarcada no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a renovar as instalacións dos centros educativos para adaptalas ás novas necesidades do século XXI en termos como a amplitude, a flexibilidade dos espazos ou a eficiencia enerxética, entre outros”, explicou o conselleiro. O plan conta cun orzamento de 191 millóns de euros ata o 2024.
“Esta obra supón, ademais, elevar a 2,6 millóns de euros o investimento realizado polo Goberno galego nos sete centros educativos cos que conta este concello”, destacou o conselleiro. Así mesmo lembrou que neste municipio, no IES Ribeira do Louro, se imparte este ano por primeira vez o único ciclo en Galicia de grao medio en Pedra Natural, na modalidade Dual, ao abeiro do convenio asinado entre a Consellería e o Clúster do Granito.
Pola súa parte, o alcalde, Alejandro Lorenzo, agradeceu á Xunta de Galicia “a colaboración que mostra co noso Concello e a súa disposición a traballar da man, que se traduce en melloras para os nosos centros como esta que hoxe inauguramos ou o ansiado comedor do CEIP Xosé Fernández López que abrirá as súas portas o vindeiro curso, entre outras”. O rexedor apuntou que “unha educación de calidade é un dos pilares básicos sobre os que se constrúe o desenvolvemento dun pobo a todos os niveis, e por iso seguiremos traballando para os nosos nenos e mozos poidan formarse nas mellores condicións. Queda por facer, e o faremos”.
Renovación da envolvente
“No caso deste centro de Porriño, actuouse principalmente para mellorar o confort da comunidade educativa”, sinalou o conselleiro. Neste sentido, mudáronse todas as cubertas, incluíndo tamén os canlóns e baixantes, e aplicouse un sistema de illamento térmico exterior ás fachadas. Tamén se cambiou toda a carpintería exterior por unha nova con rotura de ponte térmica e vidros dobres e renováronse as persianas e as súas caixas, colocando unhas novas de aluminio con illamento térmico de poliuretano.
A rehabilitación integral do centro incluíu tamén traballos para mellorar a súa accesibilidade coa execución de tres ramplas para a eliminación de barreiras arquitectónicas e tamén cambios na distribución da planta semisoto, entre outras actuacións. Como actuación complementaria, estase instalando un ascensor no instituto.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS