jueves, noviembre 21, 2024
InicioComarcasLouriñaDo expresionismo á abstracción pura

Do expresionismo á abstracción pura

Non son todo malas novas as relacionadas coa COVID-19. A Xosé Luís Otero o confinamento serviulle para inspirarse na súa última obra escultórica “O novo Bestiario”, un traballo inédito para o Culturgal 2020 no que compara o Bestiario de gárgolas de Notre Dame co escenario de confinamento: rúas baleiras con xente nas fiestras e balcóns “Observadores e gardiáns, transmisores da voz do medo”

“A miña obra é a miña vida. A miña pel ”. Así o explica Xosé Luís Otero Becerra, un ourensán nado en Nocelo da Pena (Sarreaus) afincado en Vigo e con estudio na capital da Louriña, onde casou e conformou unha gran familia que o apoia e o acompaña en todos os seus proxectos creativos e vitais.
Este artista multidisciplinar, que así é como el mesmo denomina a súa profesión, desenvolve a súa actividade artística dende principios dos anos noventa, expoñendo en numerosas mostras individuais e colectivas, ao tempo que participa tamén en feiras de arte nacionais e internacionais. Un desenvolvemento creativo o seu, dentro do ámbito da pintura contemporánea, que é o resultado dun proceso de investigación no que experimenta con novos materiais e texturas, arredor sempre dun concepto ou idea principal, fonte de inspiración e motora. A súa obra foi seleccionada en destacados certames e bienais, recibindo bolsas e premios, ademais de figurar entre os fondos de relevantes coleccións públicas e privadas en todo o mundo.

«O novo Bestiario»

O último dos seus traballos estivo exposto fai uns meses no Culturgal 2020. “O novo Bestiario” é un traballo inédito e creado en exclusiva para este espazo celebrado na cidade do Lérez no que foi artista invitado. “Está feito con materiais cos que levo traballando no último ano, madeira, cartón, cordaxe, acrílicos, pigmentos, arame e colas”, sinala. A mostra componse de 114 pezas escultóricas e é un punto e seguido da anterior, “Atlas de Soidade” exposta no Museo de Arte Contemporáneo (Marco) de Vigo. O artista asegura que na súa obra “realmente nunca existe una ruptura, muda a narrativa, a temática…. pero hai unha continuidade nos procesos creativos sempre. Existe unha liña de traballo dende hai moitos anos detrás dun proceso de investigación arredor sempre dun concepto ”.
O medo, o terror usado polas clases dominantes para dominar á poboación dende o principio dos tempos, é o tema sobre o que xira “O novo Bestiario”. Otero explica como xurdiu a idea.“No mes de febreiro do ano 2019, paseando polas galerías das quimeras de Notre Dame coa responsable dos adornos florais da catedral, conversábamos sobre o Bestiario de gárgolas, quimeras e sobre os tipos de animais, reais e fantásticos, que conforman o grupo escultórico. Esas imaxes das quimeras dende as torres ollando cara ao chan, vixiantes e ameazadoras, impresionoume profundamente e fíxome pensar sobre como o viviron as xentes na época escura. Un ano despois, durante o estado de alarma por mor da COVID, atopeime confinado nunha zona da cidade onde resultaba descoñecido. A visión dos individuos confinados, asomados, vixiantes e retadores, nas fiestras e balcóns, lembráronme de inmediato aquela outra parisina imaxe. Ágora o bestiario mudou. Agora son o fanatismo, a intolerancia e o odio cara o diferente ”.
Así a instalación é unha representación do novo Bestiario, “modificado e desnaturalizado para ser trasladado á nova realidade social”. Outras quimeras e outras gárgolas, redebuxadas e reestruturadas pero coa mesma finalidade, “amedrentar co fin de controlar e dominar».

Internacional

Agora, logo de pasar con gran éxito polo Culturgal, «O novo Bestiario» exporase previsiblemente en novos espazos, para elo estase en proceso de tramitación dado o interese amosado por diferentes institucións.
Con estas pezas son xa miles as obras realizadas e expostas por Xosé Luís Otero, quen asegura “non levar a conta”. Pinturas, gravados, debuxos, esculturas… que encheron e seguen a encher salas de todo o mundo, non só de Galicia e España senón de diferentes cidades de Europa e doutros continentes como Wakayama en Xapón, Los Ángeles e San Francisco nos Estados Unidos e Belo Horizonte no Brasil.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS