domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaA Feira Apícola Rías Baixas celébrase no Porriño o 1 de abril

A Feira Apícola Rías Baixas celébrase no Porriño o 1 de abril

Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura, o tradicional mercado de artesanía Bee Happy Market, catas comentadas, obradoiros infantís, discoteca móbil e unha ruta de tapas

Despois de dúas edicións máis contidas e austeras marcadas pola pandemia da Covid 19, a Feira Apícola Rías Baixas chega á súa trixésimo quinta edición con máis forza ca nunca da man dun extenso e ambicioso programa de actividades dirixidas tanto aos maiores coma os cativos da casa. Organizada pola Agrupación Apícola de Galicia, xunto coa Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra e o Concello do Porriño, este evento constitúe un importante encontro cos mellores profesionais do sector e unha cita indispensable para todas aquelas persoas versadas ou afeccionadas ao fermoso mundo das abellas.
O salón de plenos do Concello acolleu hoxe a presentación da feira, cun acto no que estiveron presentes o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, José María Seijo, presidente da Agrupación Apícola de Galicia, Ester Ordoñez, veterinaria da Agrupación Apícola de Galicia e presidenta da IXP Mel de Galicia, Diego Collazo, en representación da Asociación de Apicultores da provincia de Pontevedra, así como concelleiros do goberno municipal e o presidente de AHOSPOR, José Manuel Fernández.
“Desde a Agrupación Apícola o que pretendemos con esta feira é dar a coñecer os produtos dos apicultores galegos, o produto da nosa terra, axudalos a coidar das súas abellas neste momento en que a vespa velutina e a climatoloxía están a complicalo e darlle valor engadido ao noso mel”, explicou José Manuel Seijas.
O alcalde apuntou que estas xornadas técnicas e toda a programación que as acompaña demostran que a apicultura e o mel con certificación de orixe galega gozan dunha excelente saúde. Lorenzo agradeceu á Agrupación Apícola de Galicia e á Asociación de Apicultores da provincia “que sigan apostando polo Porriño para promocionar un produto galego tan singular e valioso e aos nosos hostalerios e panadeiros por sumarse á celebración”. O rexedor concluíu “convidando e convidou a toda a veciñanza a disfrutar deste evento”.
A apertura da feira terá lugar este sábado 1 de abril, ás 10.00 h, cun programa cheo de actividades que se estenderán ata ben entrada a noite. As Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura emprazaranse no Salón de Plenos do Concello entre as 10.00 h e as 20.30 h. Case o mesmo horario no que permanecerá activo o mercado de artesanía Bee Happy Market e a Feira do Mel, concretamente de 10.30 h a 20.00 h. As catas, degustacións e obradoiros infantís terán lugar tanto en horario de mañá coma de tarde, mentres que a discoteca móbil porá a todo O Porriño a bailar a partir das 20.00 h. A asistencia a calquera das actividades é totalmente de balde. Os contidos están expostos polo miúdo e accesibles no programa de actividades e na páxina web da Agrupación Apícola de Galicia.

Relatorios de vital importancia para a saúde e o futuro da apicultura
Coma o seu propio nome indica, as Xornadas Técnicas Internacionais de Apicultura contarán con profesionais altamente cualificados para abordar as temáticas que máis preocupan ao sector, vencelladas coa saúde das abellas, o futuro da colmea e incluso da propia apicultura.
Baixo o título ‘A nova PAC, como repercute na apicultura. Axudas agroambientais’, Mª Soledad López Villaverde, procedente do Servizo Territorial do FOGGA de Pontevedra, será a encargada de dar o primeiro relatorio da xornada. Pola súa banda, Ana Diéguez Antón, da Facultade de Ciencias de Ourense, seguirá a esta intervención con ‘Control remoto das colmeas, certezas e incertidumes’. Carmen Seijo Coello, profesora da Facultade de Ciencias de Ourense, abordará ‘Mel e territorio: o vínculo xeográfico como ferramenta para a valorización’. O doutor Joel González-Cabrera, do Instituto BIOTECMED, explicará as ‘Causas da resistencia aos medicamentos nas poboacións de Varroa destructor: situación actual’, seguido do doutor Enersto Guzmán Novoa, director do Centro de Investigacións en Abellas da canadiense Universidade de Guelph, que apuntará os ‘Fundamentos para lograr melloramento xenético en abellas melíferas’.
Tras unha pausa para xantar, o último relatorio correrá a cargo do experimentado apicultor e presidente da Agrupación Apícola de Galicia, José Mª Seijo Coello, encargado de abordar os ‘Factores que inflúen na mortaldade das colmeas durante a invernada e postinvernada’.
Finalmente, a xornada pechará coa Asemblea da Asociación de Apicultores da Provincia de Pontevedra.

Unha viaxe sensorial a través dos meles da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria
Tras o éxito da pasada edición, dous selos de calidade que garanten a orixe do mel únense para realizar unha cata conxunta. Así, ás 12.30 h, na Praza do Concello, temos unha cita coa interesante cata comentada dos distintos tipos de mel da IXP Mel de Galicia e da DOP Miel de la Alcarria. Beatriz Ríos Cebreiros, técnica e formadora do Panel de Cata de Mel de Galicia, e Amelia V. González Porto, directora do Laboratorio de Produtos da Colmea CIAPA-IRIAF, de Castela-A Mancha, serán as encargadas de guiar esta experiencia para un aforo máximo de 40 persoas.
Posteriormente, os asistentes de todas as idades poderán participar na degustación de Pan de Porriño e Mel de Galicia con IXP ás 13.00 h, así coma na dos Queixos e meles con certificación de orixe premiados nas Catas de Galicia 2022 que terá lugar ás 19.00 h.

O retorno do Bee Happy Market e a Feira do Mel
Mel e artesanía volverán a darse cita no Porriño da man do mercado máis apetitoso. Os amantes do ouro doce da natureza, o bo comer e os produtos artesanais, teñen unha cita ineludible na Praza do Concello co Bee Happy Market que dará comezo ás 10.30 h e pechará ás 20.00 h.
Os nenos e o Mel de Galicia
As actividade para os cativos comezarán antes da propia Feira. Concretamente o venres 31 de marzo, cando o Consello Regulador da IXP Mel de Galicia e a Agrupación Apícola de Galicia teñen previsto achegar o fermoso universo da apicultura aos escolares dos colexios do Porriño. Da súa man, cativas e cativos coñecerán os segredos que gardan as colmeas, os produtos que saen delas e todo o beneficioso que nos aportan as abellas. Ademais, tamén poderán participar nunha degustación comentada para descubrir as claves do Mel de Galicia con IXP.
O propio sábado, haberá dous obradoiros do Mel: os ‘Obradoiros infantís Bee Happy Market’ para nenos a partir de 1 ano, en horario de mañá e tarde; e o ‘Obradoiro de elaboración de candeas’ con cera de abella, para cativos a partir de 8 anos e adultos, ás 18.30 h.
Tempo de saborear e lecer
Por se nos sabía a pouco a xornada, O Porriño acollerá unha ruta de tapas nos días venres e sábado con diferentes petiscos que se poderán adquirir por 1 euro coa consumición nos diferentes locais do concello. E, para rematar por todo o alto, a partir das 20.00 h do sábado dará comezo a discoteca móbil da man da Duendeneta: Kris K Dj.
Agora só queda marcar o día na axenda, levar a toda a familia e aproveitar o máximo a visita ao Porriño e ao seu Bee Happy Market. A cita máis doce para un sábado de excepción!

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS