miércoles, noviembre 27, 2024
InicioComarcasLouriñaA senda fluvial do Río Louro alcanzará os 5 quilómetros

A senda fluvial do Río Louro alcanzará os 5 quilómetros

Será unha vez estea rematada a terceira fase do proxecto, do cal se atopa en execución actualmente a segunda fase

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, informou hoxe de que, “co futuro proxecto da Fase III do sendeiro do Río Louro, este acadará a lonxitude total de 5 quilómetros, ao longo do que familias mosenses e visitantes foráneos poderán continuar a gozar dun dos nosos principais recursos naturais e recreativos de lecer ao aire libre”. A rexedora local explicou que actualmente o paseo ten un longo total de 3 quilómetros, que se están a ampliar en 1.000 metros máis coa execución da Segunda Fase, que comezou a finais do ano pasado e rematará nun mes aproximadamente, e que abarca dende o Camiño da Noveleda ao Camiño do Lagoal.
O goberno de Arévalo acometera xa unha fase previa a esta, de 1.130 metros de lonxitude, dende A Pesqueira ao Camiño da Noveleda.
A Terceira Fase, que completará o sendeiro converténdoo nun paseo de 5 quilómetros de lonxitude, abarcará 850 metros dende o Camiño da Gata ao Camiño das Lagoas.
Fase II
A segunda Fase que se atopa en execución, e comezou a finais do pasado 2022, vai desde o Camiño de Lagoal na parroquia de Louredo, ao Camiño da Noveleda, na parroquia de Mos. Estará rematada no prazo aproximado dun mes e ten como obxectivos ampliar e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.
En concreto, e dentro das actuacións, inclúense dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre. Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda. O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén inclúen o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribeira e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acométense así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandonados.
Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km. Para elo o Concello de Mos fai un investimento de fondos propios municipais de preto de 200.000 euros.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS