domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriña"Honeymoon" abrirá o Festival de Cans

«Honeymoon» abrirá o Festival de Cans

Nathalie Poza e Javier Gutiérrez estarán no Porriño o xoves 18 de maio para presentar este filme de Enrique Otero, antes da estrea en salas e despois do seu paso polo Festival de Málaga

A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio nesta aldea de O Porriño, anunciou hoxe que o filme «Honeymoon», de Enrique Otero protagonizará a sesión inaugural do certame, o xoves 18 de maio. A presentación da película, que terá lugar en Cans antes de chegar ás salas de cinema, estará apoiada polos protagonistas da mesma, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, e por outras actrices e actores galegos que forman parte do filme, como María Vázquez, que asistiu á presentación ou Antonio Durán «Morris».

«Honeymoon», un filme producido por Control Z, Accamedia Productions e Televisión de Galicia, conta a historia de Eva (Nathalie Poza) e Carlos (Javier Gutiérrez) un matrimonio en destrución ao que son mantén unido o recordo do seu falecido fillo Jonás que acaba de morrer nun accidente a miles de quilómetros de distancia. Sen cartos para recuperar o corpo do seu fillo, o matrimonio emprende unha viaxe de destino incerto para tratar de traer de volta o cadáver. Tamén estivo presente na presentación, celebrada na sala Riquela de Santiago, a señora Alicia, unha das veciñas que colabora co evento e propietaria do Jalpón de Alicia.

O filme chegará a Cans despois do seu paso, con moi boas críticas, polo Festival de Málaga. Os seus protagonistas, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez son dous dos intérpretes máis importantes do cinema español. Gutiérrez obtivo o Goya ao mellor actor en dúas ocasións («La isla mínima» e «El Autor») e foi nominado noutras catro ocasións, a última en 2023 por «Modelo 77». Nathalie Poza tamén ten dous Goyas («No sé decir adiós» e «La boda de Rosa») e foi nominada noutras catro oportunidades.

Pola súa banda, María Vázquez está nun dos mellores momentos da súa carreira, xa que ademáis da súa presenza en «Honeymoon», ven de gañar a Biznaga de Prata á mellor actriz no Festival de Málaga, pola súa impresionante interpretación en «Matria» de Alvaro Gago, que nestes días chegará ós cines.

Todos eles estarán en Cans para asistir ó icónico desfile de chimpíns e manter un encontro co público. Primeiro estarán acompañando a proxección do filme o xoves 18 de maio no Círculo Recreativo Cultural de O Porriño, con entrada gratuíta ata completar o aforo, e ó día seguinte, o venres 19, asistirán a un coloquio matinal aberto no Torreiro de Cans, ó estilo dos que se fixeron nas últimas edicións co historiador Ian Gibson ou a cineasta Margarita Ledo.

Na presentación do filme, Enrique Otero, director forxado en Cans, por onde pasou coas súas curtametraxes e onde estreara o seu anterior filme, «Crebinsky», explicou que «Honeymoon» é unha película que trata de navegar entre distintos xéneros «sen que ningún resulte esaxerado» e cun desenvolvemento bastante «impredecible». O director declarouse «fillo de Cans», un festival onde estivo como músico, dj, curtometraxista e xurado.

Pola súa banda, María Vázquez indicou que para ela é unha honra ter participado en «Honeymoon» e tamén destacou a súa ilusión por estar de novo en Cans, «un festival que defíneme como actriz e como muller».

O director do Festival de Cans falou da calidade do filme de apertura do festival e apuntou que procurábase contar cun cineasta próximo a Cans, «que entenda o seu espírito e que o vísemos medrar aquí como cineasta como é o caso de Quique, e o caso dunha actriz como María, á que vimos en varios filmes e curtas en Cans». Sinalou tamén que Javier Gutiérrez é alguén que adora o festival e «buscamos que esta edición especial sexa unha escusa para atoparse con moitos vellos. amigos». O festival pasa este ano de catro a cinco días de duración e contará con moitas sorpresas e novidades para celebrar o seu vixésimo aniversario.

Imaxe e cartel XX aniversario

O festival presentou tamén a imaxe e as camisolas da XX edición, realizada por Pablo Rodríguez de Rei Zentolo, un dos patrocinadores do festival. Rodríguez indicou que a idea inicial foi traballar con concepto de agroglamour, que caracteriza a Cans, e tratar de incluír no cartel do festival os elementos característicos do evento: os chimpíns, os galpóns, etc. Como Cans, Rei Zentolo tamén celebra en 2023 os seus vinte anos de vida.

A primeira remesa de camisolas e entradas estará á venda desde hoxe xoves na tenda online do festival de Cans. Será un pack de entrada, camisola, chapa de edición limitada e catálogo do festival cun prezo de só 20 euros para os primeiros 300 compradores, fronte ó prezo final dos 29 euros que terá a partir do 10 de abril. Estes packs previos poderán recollerse nas tendas de Rei Zentolo e, posteriormente, durante os días do Festival de Cans

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS