As luces da casa consistorial e do Templete de San Luis apagaranse este sábado 25 de marzo entre as 20.30 e as 21.30 horas xunto a miles de edificios e monumentos de todo o mundo para reivindicar o seu compromiso coa natureza
As luces do Templete de San Luis e da casa consistorial apagaranse entre as 20.30 e as 21.30 horas deste sábado 25 de marzo reivindicando o compromiso do Concello do Porriño coa natureza e o clima.
O municipio súmase un ano máis ao movemento global #HoradoPlaneta apagando as luces ao igual miles de monumentos, fogares e edificios de todo o mundo.
A ciencia é clara. Esta década debe ser o punto de inflexión onde se recoñeza o valor da natureza e se dea prioridade a súa recuperación xunto á do noso clima. Sabemos que os próximos sete anos son cruciais para determinar se nos manteremos dentro dos nosos límites, por debaixo do limiar climático de 1,5 ºC e cunha natureza máis sa e robusta, ou se pasaremos a un estado de degradación ambiental irreversible e de cambio climático desbocado con todas as súas implicacións socioeconómicas. Sete anos non son nada e o 2023 é o primeiro deles. Por iso dende o Concello reivindican máis ambición e máis rapidez xa que o cambio climático e a perda da natureza combinadas poñen en perigo a nosa calidade de vida e a das futuras xeracións.
Así mesmo, dende a administración local animan á veciñanza a sumarse a esta acción e apagar as luces durante esa hora.