domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaOs primeiros galegos vivían no Porriño

Os primeiros galegos vivían no Porriño

Os resultados dos estudos confirman a antigüidade do xacemento das Gándaras de Budiño, que datan en 310.000 anos atrás

Os primeiros poboadores de Galicia viviron no Porriño hai máis de 300.000 anos. Así o confirman os resultados das datacións do xacemento paleolítico das Gándaras de Budiño que fixeron públicos Eduardo Méndez Quintas, arqueólogo da Universidade de Vigo, e o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O xacemento de As Gándaras de Budiño foi o primeiro enclave da época paleolítica en ser identificado e escavado en Galicia. Inicialmente por Emiliano Aguirre en 1963, coñecido por ser o impulsor do proxecto Atapuerca e xa falecido. Budiño pasou a converterse nun xacemento de referencia a nivel nacional e internacional, pero altamente problemático, xa que as primeira datacións indicaban unha cronoloxía duns 25.000-15.000 anos de antigüidade, cando este tipo de lugares tiñan que ter unha idade superior aos 100.000 anos. “Isto levou á idea de que no noroeste da Península Ibérica existía un Paleolítico atípico e anacrónico con respecto ao que acontecía no resto do suroeste de Europa”, explicou Méndez Quintas. “Isto supuña un argumento para defender a idea do atraso secular de Galicia, o cal xa arrincaba no Paleolítico”.
De aí a relevancia da investigación desenvolta no xacemento das Gándaras polo equipo de investigadores liderados por Eduardo Méndez Quintas e o investigador Manuel Santonja, do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH) que resolven estes erros na cronoloxía e desmenten esta falsa crenza.
“Os resultados deste estudo son de vital importancia a nivel nacional e internacional, xa que non só cambian o coñecemento que temos sobre a historia do Porriño senón que reescriben a Prehistoria de Galicia”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
Proxecto de investigación
Os traballos desenvoltos na última campaña consistiron na realización dunha escavación en área de 30 metros cadrados, que complementaban a campaña de sondaxes arqueolóxicas desenvoltas durante o ano 2018. Estes permitiron obter valiosa información sobre as condicións de formación dos depósitos xeolóxicos e, sobre todo, das densas acumulacións de ferramentas líticas que se atopan no lugar. “Sinalar que na pequena superficie intervida recuperáronse máis de 1000 artefactos líticos, entre os que destacan abundantes exemplos de bifaces e outras pezas características das industrias de tipo achelense”, explicou Eduardo Méndez.

Os niveis antigos do xacemento teñen uns 310.000 anos de antigüidade
O obxecto principal destes estudos era, polo tanto, resolver a cronoloxía. Para isto, entre outras medidas, obtivéronse mostras xeolóxicas para a realización por datacións de luminescencia opticamente estimulada (OSL) sobre os sedimentos. O procedemento de datación realizouse nas instalacións do Environment Institute, and Institute for Photonics and Advanced Sensing (IPAS) da Universidade de Adelaide (Australia).
Os resultados veñen a confirmar o que os arqueólogos sospeitaban: os niveis antigos do xacemento teñen máis de 310.000 anos de antigüidade, e idades máis recentes, de entre 25.000 e 55.000 anos, para os niveis superiores. “Podemos dicir que as Gándaras de Budiño ten o xacemento con presenza humana máis antigo de Galicia”, afirmou Méndez. “A cronoloxía do xacemento e as características das ferramentas líticas acrecenta a importancia do sitio no contexto do desenvolvemento cultural e humano do final do Plistoceno Medio europeo. Sitios coma As Gándaras xustifican a coexistencia nesta época de varias tecnoloxías diferentes (Achelense e Paleolítico Medio Antigo), producidas á súa vez por especies humanas diferentes e con orixes xeográficas diferentes (unha especia africana indeterminada e os neandertais)”.
Os resultados das datacións, así como os xerados nesta nova fase de investigación, vanse publicar proximamente nunha revista científica, cun artigo no que xa se está traballando.
Traballos futuros
En vista dos resultados acadados, os traballos no xacemento retomaranse este ano, previsiblemente no mes de xullo. Tentarase esgotar o depósito con restos arqueolóxicos ata chegar ás capas datadas en máis de 300.000 anos, para coñecelas con maior precisión. Ocuparán unhas tres semanas de traballo de campo coa participación dunha quincena de persoas, incluídos estudantes da Universidade de Vigo, doutras universidades galegas e centros universitarios de Europa. Os traballos serán soportados coa achega económica da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia e o Concello do Porriño. “Eduardo e o seu equipo contan co total respaldo do Concello do Porriño para continuar avanzando na súa folla de ruta e posta en valor das Gándaras de Budiño”, concluíu o alcalde.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS