O resultado final deste programa “Corto e cambio” presentarano no Festival de Cans
Preto de 200 estudantes de 4º da ESO do Porriño participan estes días no obradoiro de creación de curtametraxes sobre prevención do consumo de tabaco, alcol e drogas entre adolescentes organizado polo Concello do Porriño a través da concellería de Sanidade e a OMIX e financiado pola Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.
“O principal obxectivo é tratar de involucrar ao alumnado nunha tarefa creativa común, na que, a través de recursos audiovisuais, os mozos e mozas traballan a temática e reflexionan sobre as problemáticas e consecuencias derivadas do consumo das distintas drogas”, explicou a concelleira, Carolina González, “Ademais adquiren coñecementos e habilidades que lles permitirán tomar decisións responsables e coherentes no que respecta á saúde e tamén corrixir crenzas erróneas sobre o consumo de drogas”.
Traballase todo o que rodea a elaboración dun documental sobre esta problemática, dende unha metodoloxía de aprendizaxe significativa, cunha forte presenza das novas tecnoloxías, baseándose na utilización de curtametraxes e recursos audiovisuais realizados por alumnas e alumnos de idades similares ás súas, de xeito que sexa máis doado que empaticen e se impliquen.
“Apostamos por dirixir as campañas de prevención do consumo de drogas á mocidade, xa que a información baseada na evidencia e o adestramento de habilidades persoais permitiralles tomar decisións responsables coa súa saúde”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo.
O resultado do traballo realizado polos mozos e mozas nestes obradoiros presentarase nesta edición do Festival de Cans.