domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaMención especial para o alumnado do Colegio Lar na First Lego League

Mención especial para o alumnado do Colegio Lar na First Lego League

Escolares de 3º de Primaria deseñaron estruturas mecanizadas para mellorar sistemas de enerxía renovables

O Colegio Lar volveu estar presente na First Lego League, un programa internacional que propón desafíos de ciencia e tecnoloxía a nenos e adolescentes, coa participación de doce estudantes de 3º de Primaria.
Foi o pasado sábado, 4 de marzo, cando se celebrou, no auditorio municipal de Ferrol, a fase rexional de Galicia da novena edición deste campionato na que participaron máis de 300 estudantes de centros educativos de toda Galicia, organizados en 44 equipos distribuídos por franxas de idade en tres categorías: 22 na challenge –de 10 a 16 anos-, 21 na explore –de 6 a 9 anos- e un na discover –de 5 a 6 anos-.
O Colegio Lar ao igual que nas dúas edicións anteriores, participou na categoría explore cos equipos Star Lego Lar, formado por Andrés, Carlota, Martina, Alejandro, Fabio e Mateo, e Maker Lego Lar, integrado por Isaac, Guillermo, Mateo, Candela, Lucía e Daniel. Ambos foron premiados cunha mención especial polo código de programación utilizado para o funcionamento dos seus deseños.
Como todos os anos, establécese unha temática, e desta vez foi: SuperPowered. Así, todos os traballos presentados a concurso xiraron arredor da enerxía e a súa «viaxe» ou «aventura»: xeración, distribución, almacenamento, consumo, novas fontes de enerxía, etc…todo o que lles suxerise aos escolares a temática SuperPowered. Os participantes teñen que identificar un problema relacionado coa temática, aportar unha solución e deseñar un robot que ten que resolver unhas misións.
Ambos equipos realizaron unha construción mecanizada baseada en pezas Lego para mellorar sistemas de enerxías renovables. Por unha parte, o equipo Maker fixo unha estrutura para optimizar a eficiencia dos paneis solares e o equipo Star unha capaz de mellorar notablemente o muíño de vento tradicional para a creación de enerxía eólica.
Dende a Dirección do Colegio Lar, Rodrigo M. Salgado Pombo felicita, en nome de toda a comunidade educativa, aos premiados, “pequenos enxeñeiros e científicos”, pola súa gran creatividade e enxeño, “que nos sorprenderon cos seus proxectos”, así como tamén “aos seus soportes incondicionais, os seus adestradores, os profesores Sabi e Adrián, e ás súas familias”. O director subliña que “isto é o colofón á materia de Robótica que impartimos no Colegio Lar dende 1º de Primaria”.

Experiencias STEM
A categoría explore do programa First Lego League é unha experiencia educativa que, traballando por equipos e cunha persoa adestradora/profesora, fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas mediante experiencias STEM sobre todo, centradas no desenvolvemento de proxectos e a programación educativa.
A partir dun desafío anual sobre unha temática común, este ano SuperPowered, e xirando todo arredor dun robot construído polos equipos, formúlaselles tres grandes desafíos: elaborar un pequeno traballo de investigación, a programación e construción dunha maqueta e a oportunidade de participar nunha competición

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS