domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaCelta e Concello de Mos celebran o centenario do club con actividades...

Celta e Concello de Mos celebran o centenario do club con actividades para a veciñanza

O programa “CelebraMos o Centenario” convida aos mosenses de todas as idades a achegarse á historia do Celta e ao seu proxecto de futuro

A Cidade Deportiva Afouteza acolleu este 8 de marzo a primeira das actividades do programa CelebraMos o Centenario, un conxunto de iniciativas previstas polo RC Celta que se desenvolverán ao longo dos vindeiros meses en colaboración co Concello de Mos. Coincidindo co Día Internacional da Muller, ambas institucións recibiron a un grupo de mulleres de colectivos e asociacións de mulleres do municipio que visitaron o complexo deportivo. No encontro, estiveron acompañadas do presidente do RC Celta, Carlos Mouriño e da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo.
Continuando con estas accións, os días 15 e 21 de marzo, convidarase ás asociacións e colectivos mosenses a participar en diferentes visitas guiadas á cidade deportiva. E para o público xeral, estas visitas terán lugar os vindeiros 14 e 22 de marzo. Todas realizaranse pola tarde, en diferentes quendas, desde as 15.30 ata as 19.00 horas, cunha duración estimada de 45 minutos. Para participar nas visitas xerais só é necesario inscribirse nun formulario habilitado polo club, que será difundido na páxina web e nas redes sociais do Concello de Mos.
Durante o percorrido, poderán coñecer o ximnasio, o comedor, os vestiarios do Celta B e do primeiro equipo, a sala de visionado e control de afluencia, e ofrecerase a oportunidade de facerse fotos en puntos especialmente indicados para tal efecto.
O 21 de marzo, o RC Celta colaborará na plantación de árbores prevista no municipio con motivo do Día Mundial dos Bosques, plantando no terreo da Cidade Deportiva Afouteza 100 árbores e sumándose así a unha iniciativa na que participarán outras comunidades de montes do municipio e o propio Concello, plantando un total de 1.000 árbores no municipio.
O Club tamén estará presente, a través da súa división Galicia Sports 360, na próxima Feira de Educación, FormaMos do Concello de Mos, que terá lugar os vindeiros 30 e 31 de marzo.

CelebraMos o Centenario incluirá, ademais, actividades para a mocidade. Así, unha delas, estará especialmente deseñada para o alumnado do IES de Mos, cunha charla sobre a historia do Club e a visita de xogadores do primeiro equipo ao centro. Están previstas, ademais, outras charlas e actividades dirixidas a diferentes públicos de Mos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS