A fachada das oficinas da Asociación, en Puxeiros, sufriu pintadas pro rusas relativas á guerra de Ucraína
Esta mañá convocouse, conxuntamente desde o Concello de Mos e a Asociación de Empresarios de Mos, a membros da corporación municipal mosense e da directiva da Asociación para condenar publicamente as pintadas perpetradas onte domingo na fachada da sede de Aemos. No acto pronunciouse un manifesto de rexeitamento a este tipo de accións vandálicas por parte da alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o presidente dos empresarios, Manuel Castro.
Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos:
Manuel Castro, presidente de Aemos:
Fronte á sede de Aemos procedeuse á máis contundente condena do intolerable ataque vandálico contra estas instalacións acontecido esta pasada fin de semana reivindicados e perpetrados polo ‘Comité Antifascista Lourinha’.
Comité que presume de considerar nazifascista e terrorista ao pobo Ucraíno. E xustifican os seus actos criminais, como castigo a quen apoie a guerra, cando “precisamente todos, tanto Concello de Mos como AEMOS e a sociedade mosense en xeral, estamos en contra da guerra e en defensa da paz. Como non podería ser doutro xeito” sentenciou Arévalo. Quen continuou denunciando “uns feitos vergoñentos e desprezables dos que este colectivo fixo gala nas súas redes sociais mediante a publicación e difusión de fotografías. E tachando aos empresariado de Mos de delincuentes e explotadores cando son o principal motor xerador de emprego, economía e industria do noso municipio; e colaboraron enormemente e de xeito totalmente desinteresado para encher o tráiler con toneladas de axuda humanitaria que fai un ano enviamos para Ucraína”.
“Por iso desde a administración local mosense rexeitamos e denunciamos publicamente estes actos que fan apoloxía da violencia, da guerra, e da vulneración dos dereitos humanos e da autonomía dos estados soberanos. Triste acontecemento co que, lonxe de apoiar ás inocentes vítimas da guerra e da invasión, téntase criminalizar aos que desde outros países as apoiamos”, lamentou Arévalo.
Por iso, con motivo dos actos vandálicos consistentes en pintadas na fachada da sede de Aemos, os presentes no acto de denuncia e condena desta mañá manifestaron publicamente a súa repulsa e condena de ditos actos coa seguinte declaración:
- Expresamos a firme condena dos actos vandálicos mencionados, e rexeitamos de modo absoluto a súa realización, manifestando que as actitudes de esta natureza non teñen cabida no sistema democrático.
- Transmitimos a nosa solidariedade con Aemos e por suposto con Ucraína, e todos os ucraínos e ucraínas vítimas desta inxusta guerra.
- Manifestamos que a tolerancia e o respecto deben ser valores imperantes no noso municipio e que se tratan de fomentar dende os poderes públicos e a través dos representantes deste Concello, de aí a celebración deste acto público de condena.