O presidente da Xunta destaca que as de Mos serán unhas instalacións pioneiras en toda España
O titular do Executivo galego, Alfonso Rueda, anunciou esta mañá en Mos que a Xunta licitará nas vindeiras semanas o centro público de coidados intermedios do Rebullón por 5,4 millóns de euros.
Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia:
Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos:
Nun acto no que estivo acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, e pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o presidente participou na presentación do proxecto do complexo sociosanitario. Actualmente, a parte principal do inmoble do Rebullón está en desuso, polo que un dos obxectivos pasa por darlle unha nova vida “a un edificio emblemático”, precisou Rueda, aproveitando unha oportunidade para reconvertelo nun espazo de servizos sociosanitarios múltiples.
O primeiro paso será a creación dun centro público de coidados intermedios que, xunto co xa licitado no mes de decembro en Santiago de Compostela, será o primeiro destas características en España. Contará con 60 prazas e funcionará como un punto de atención para persoas que recibiron a alta hospitalaria pero que seguen precisando coidados específicos.
Segundo explicou o titular do Goberno galego, este novo centro facilitará a recuperación de pacientes logo de postoperatorios longos ou, por exemplo, roturas de ósos que precisen rehabilitación. Ademais, permitirase blindar a liberdade das persoas maiores para que poidan vivir onde máis o desexen, posto que poderán recibir atención específica sen a necesidade de permanecer ingresadas.
Novos servizos do complexo
Entre os novos servizos dos que dispoñerá este complexo sociosanitario inclúense unha escola infantil, unha residencia para persoas maiores e un centro de saúde ampliado.
A construción da escola infantil, “síntoma do crecemento demográfico do concello” en palabras do presidente, dispoñerá de 82 prazas e permitirá seguir garantindo a conciliación das familias da zona.
Por outra parte, a residencia para persoas maiores poderá acoller ata 150 usuarios. O presidente incidiu en que o proxecto chega para darlle continuidade ao novo modelo de residencias que promove a Xunta, no que se sitúa como prioridade os coidados especializados das persoas maiores.
En canto ao centro de saúde, debullou Rueda, será un espazo adaptado ás necesidades demográficas da vila, cun 44% máis de espazo que o actual e que aglutinará oito novas consultas, un despacho de traballo social e unha sala de educación sanitaria. Tamén agrupará a prestación pediátrica nunha área específica e ampliará os espazos de docencia.