A axuda está orientada fundamentalmente a facilitar o acceso da veciñanza con distintas capacidades
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de Urbanismo, José Areal, e técnicos municipais reuníronse esta mañá con veciñanza de San Eleuterio no local da Asociación de Veciños para informar ás comunidades de veciños das axudas autonómicas existentes para dotar de ascensor aos edificios da urbanización que carecen del.
Pola súa banda, desde o Concello de Mos, tenderon a man aos veciños de San Eleuterio para colaborar desde a administración local en labores de asesoramento e resolución de dúbidas, e na tramitación da documentación necesaria para a solicitude de axudas de cara á acometida das obras pertinentes para a instalación de servizo de ascensor nos bloques que decidan implantalo.
A idea é que as comunidades de veciños de San Eleuterio que o desexen poidan beneficiarse, cando saia a convocatoria de 2023, das axudas do Programa de Mellora da Accesibilidade en e ás Vivendas do Plan Estatal para o Acceso á Vivenda 2022-2025 do Instituto Galego da Vivenda e Solo da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Este programa autonómico de axudas para a mellora da accesibilidade en e ás vivendas, está orientado, a facilitar non só o seu uso ás persoas con distintas capacidades, senón tamén como vía para facilitar a súa integración social.