O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, comproba o resultado dos traballos, acompañado da alcaldesa, Nidia Arévalo, e veciñanza da parroquia
O obxectivo das actuacións, realizadas na segunda parte do ano 2022, foi restaurar parte do interior do tempo como acometer a limpeza dos paramentos exteriores.
Na primeira das fases executouse a conservación do presbiterio, en concreto das pinturas murais no arco triunfal e bóvedas. Ademais, nesta intervención acometeuse a recuperación das tumbas dos primeiros Marqueses de Mos.
A segunda fase consistiu na rehabilitación das fachadas, evitando posibles filtracións de auga, e volvendo ao aspecto inicial das mesmas. Para isto, procedeuse á súa limpeza xeral e desinsectación. Tamén se procedeu ao rexuntado de muros e á eliminación de antigos morteiros.
O responsable do departamento de Cultura da Xunta de Galicia puxo en valor esta restauración, “tanto polo valor da igrexa desde o punto de vista cultural como pola implicación da veciñanza na súa conservación”. De feito, na visita do conselleiro participou, ademais da rexedora local e membros da Corporación Municipal, o párroco, David López, e numerosos veciños.