O concelleiro mosense de Emerxencias, Leo Costas, lamenta as críticas infundadas da Agrupación de Electores de Redondela e a falla de respecto cara os traballadores que integran o servizo do Concello de Mos
O Concelleiro de Emerxencias e Medio Ambiente Sostible, Leo Costas, respondeu á Agrupación de Electores de Redondela (AER), que estes días manifestaban a súa vontade de que os Bombeiros de Vigo atendan ás urxencias do municipio redondelán, tachando de ineficaz o GES de Mos.
Ante semellantes declaracións o edil mosense manifestou a súa indignación, pois para o SUB-GES de Mos, con tan só 6 traballadores, estar a realizar o labor de 12 persoas polas que estaría integrado o GES Mos-Redondela, supón multiplicar esforzos e gastos por parte do Condello de Mos.
“Se queren que os atenda o Parque de Bombeiros de Vigo, por nós non hai problema, xa que supón un gasto desprazarnos ata Redondela. Debería darlles vergoña facer afirmacións desta índole, pois estamos atendendo as emerxencias do seu municipio coa mesma implicación e rapidez que se fose no noso propio Concello. E o SUB-GES de Mos está facendo con 6 operarios o traballo de 12, pola ineptitude do goberno de Redondela, que non foi capaz de poñer en marcha o seu SUB-GES demostrando a súa nula capacidade de xestión; xa que o GES Mos-Redondela debería estar integrado por 2 SUB-GES, un de cada Concello, con 6 traballadores cada un. E a realidade é que en Mos estamos a facer todo o traballo”, insistiu Leo Costas. O concelleiro tamén destacou que “é de salientar a intención de cargar ó servizo de Bombeiros de Vigo con 29.000 novos veciños, cando os propios Bombeiros de Vigo están a manifestar que a plantilla non chega para dar cobertura o seu propio municipio”.
Respecto da crítica que AER fai dos camións cos que traballa o GES de Mos, Costas aclara que “dispoñemos de 3 camións e agora estamos a espera de recibir un novo, que sería o 4º do noso parque; e por suposto dos 3 que temos non todos teñen 30 anos de antigüidade”.
E por último, o concelleiro mosense aborda a crítica de AER dicindo que os camións cisterna do GES de Mos non superan os 70 quilómetros por hora tardando desde a base ata o lugar do sinistro máis de 20 minutos de traxecto, argumentando que “tal afirmación só demostra a ignorancia e o descoñecemento, xa que é mentira que os nosos camións non superen esa velocidade, e indistintamente da velocidade que sexa necesaria, polo menos cobren a falla de medios do Concello de Redondela”.