24 establecementos de hostalería participarán nas Xornadas Gastronómicas do Entroido 2023 ofrecendo pinchos típicos destas datas ao prezo dun euro
Esta ruta de pinchos forma parte do programa gastronómico posto en marcha dende o Concello do Porriño, en colaboración coa Asociación de Hostaleiros do Porriño (Ahospor), para poñer en valor a hostalería local, promocionar o comercio e dinamizar a vila aproveitando estes días de Entroido.
O alcalde, Alejandro Lorenzo; o concelleiro de Cultura, Bienvenido Estévez; a concelleira de Comercio, Antía Carrera, e o presidente de Ahospor, José Manuel Fernández, foron os encargados de presentar a iniciativa.
“Dende esta fin de semana e ata o 25 de febreiro poderemos degustar as propostas dos nosos hostaleiros, cada venres e sábado a partir das 19.00 horas”, explicou o concelleiro, Bienvenido Estévez.
“Os locais prepararán pinchos típicos destas datas como lacón, cacheira, orella ou filloas, que poderán ser degustadas ao módico prezo de 1 euro”, indicou o presidente da asociación de hostaleiros.
Pola súa banda, o rexedor animou a toda a cidadanía do Porriño, e tamén á veciñanza dos municipios da contorna, a participar desta ruta de pinchos que “son máis que unha degustación gastronómica, tamén son unha oportunidade para desfrutar xuntos destas festas á vez que contribuímos a revitalizar a nosa vila e a nosa economía”. O alcalde agradeceu a Ahospor, unha vez máis, o seu dinamismo e iniciativa que contribúen ao desenvolvemento do Porriño.
Establecementos participantes: Adega de Montero, A Francachela, Bar La Guía, Bar Liceum, Bolboreta Café, Cafetería El Pincho, Cafetería El Sol, Cafetería Platinum, Chicoria Alimentación, Cólleo con pinzas, Galibar Centro, Hotel Parque, La Bendecida, La Bici, La Cueva, La de Chato, Mesón Argentino 2, Nómadas, O Lar de Lore, Origen Café, Paso a Nivel, The Classic, Underground, Urban Café.