Dez persoas con diversidade intelectual conforman a primeira promoción do programa de formación dual en xardinería
O Concello do Porriño foi hoxe escenario da celebración da primeira promoción do programa de formación dual levado a cabo en Aceesca, unha das entidades pioneiras en Galicia en desenvolver esta iniciativa. “É para nós un orgullo contar no municipio cunha entidade como Aceesca que traballa en favor das persoas con diversidade intelectual nas súas diferentes etapas, dende nenos, pasando por adultos en idade de traballar e tamén maiores”, sinala o alcalde Alejandro Lorenzo quen participou esta mañá no acto celebrado nas instalacións de Aceesca, en Torneiros, no que deu a coñecer o resultado deste proxecto formativo, “o cal lle abre as portas no mercado de traballo a unha decena de persoas formadas e cualificadas. Dende o Concello aplaudimos iniciativas como estas, as cales apoiaremos sempre e tamén dende a administración local levaremos a cabo diversas accións de emprego e formación para todos os colectivos”
Pódese dicir que a asociación Aceesca foi quen importou a Galicia o modelo de formación dual adaptada a persoas con discapacidade intelectual a raíz dunha viaxe en Mallorca. Ata entón non existía unha formación regrada neste aspecto. Foi a finais de 2019 cando se pon en marcha un programa de Formación Dual, financiado pola Xunta de Galicia e o Estado, coa finalidade de poder outorgar certificados de profesionalidade ás persoas con discapacidade intelectual da nosa comunidade. Xunto con Aceesca, participaron outras cinco entidades de toda Galicia neste programa piloto, e Aceesca facíao concretamente no certificado de Auxiliar de viveiros, xardíns e centros de xardinería.
As túas necesidades, as nosas oportunidades
O vindeiro 26 de febreiro rematará de xeito oficial esta formación na que 10 persoas aprendices adquiriron as competencias necesarias para o seu desenvolvemento profesional no mercado ordinario de traballo. Así, na xornada de hoxe, baixo o título “As túas necesidades, as nosas oportunidades”, Aceesca ademais de facilitar aos representantes do tecido empresarial e das administracións alí presentes toda a información respecto dos resultados deste proxecto piloto, amosou as competencias adquiridas polo alumnado, os cales están cualificados para poder exercer a profesión en calquera empresa ou administración pública. Ao acto tamén acudiu, por parte da Xunta de Galicia, a secretaria xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca.
A través deste programa recibiron formación continua, fundamentalmente práctica, coa metodoloxía de aprender facendo, que é como se pode afianzar capacidades de forma efectiva. Pero ademais, dende o primeiro día, o aprendiz tivo un contrato laboral, que axuda a adquirir e consolidar os coñecementos e capacidades que se traballan na formación e agora, ao finalizar os tres anos acredítanse cunha cualificación profesional oficial que lles abre moitas portas no mercado ordinario de traballo.