lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaConcello e empresarios van da man na axilización de proxectos capitais en...

Concello e empresarios van da man na axilización de proxectos capitais en Mos

A alcaldesa Nidia Arévalo e o presidente da CEG Juan Manuel Vieites reuníronse coa directiva de AEMOS comprometéndose ao total apoio: por ser as empresas “o verdadeiro motor da economía galega e mosense e xeradoras de emprego”

Na xuntanza estivo tamén presente o tenente alcalde, Camilo Augusto e os concelleiros de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, e de Urbanismo, José Areal; con representantes da directiva de AEMOS, o seu presidente Manuel Castro, o vicepresidente Ramón Alonso e o xerente, Francisco Domínguez, e outros empresarios do municipio.

Acceso á A-55

Un dos principais temas abordados, e para o que Arévalo e Vieites comprometéronse a intermediar coa Xunta de Galicia para axilizar o máximo posible a súa execución, é o acceso ao Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña (en funcionamento desde 2012 e case ao 100% de ocupación, sendo un polígono clave para o sur de Pontevedra) desde a Autovía A-55. O polígono da Veigadaña, executado e xestionado pola Xunta a través de Xestur Galicia, conta na actualidade cunha conexión directa coa estrada N-550 e sitúase a menos de 1 quilómetro da autovía Vigo-O Porriño.

A finais de 2020 a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informaba á rexedora local mosense de que o acceso ao Polígono da Veigadaña desde a A-55 contaba xa co Estudo de Viabilidade favorable.

A redacción do devandito estudo de viabilidade foi adxudicado en marzo de 2020 pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas. Este contrato foi adxudicado á empresa Noega Ingenieros S.L., por un investimento duns 18.000 euros. A redacción do proxecto realizouse nun prazo de 6 meses.
O obxectivo deste novo acceso é mellorar a competitividade do Polígono.

O custe estimado deste proxecto ascendería a uns 4,5 millóns de euros, e consistiría nun novo vial de conexión entre o polígono de Veigadaña e a A-55, e un anel de conexión interior ao polígono de Veigadaña, que conectaría directamente o anel da Lagoa co anel do Perral, cunha lonxitude de 440 metros.
O vial de conexión directo entre o devandito polígono e a A-55 resolveríase a partir da creación dunha nova rotonda na parte sur do ámbito do polígono e discorrería entre os núcleos de Arrubial e A Estivada ata a súa conexión co acceso existente á A-55 (zona de Porteliña), mellorando o devandito acceso coa creación doutra rotonda e a limpeza do vial existente. Dita conexión tería unha lonxitude aproximada de 1.300 metros.
Este proxecto busca mellorar a competitividade das empresas existentes e futuras do polígono ao dotalas dun acceso directo desde a autovía. Quedaría así totalmente conectado ás principais vías de comunicación, na súa parte oeste cara á A-55 e na súa parte este cara a a N-550 (conexión xa existente).

Outros temas tratados
Tamén se abordaron durante a reunión outros asuntos de vital importancia, sobre os que alcaldesa e presidente da CEG se comprometeron a intermediar ante as administracións supramunicipais competentes, como son o acuciante problema da autovía máis perigosa de España, a A-55, e a eliminación da peaxe da AP-9 no tramo Vigo-Porriño como solución inmediata á problemática da vía ao seu paso por Mos, onde rexistra máis accidentes, e complica o transporte de mercadorías coas evidentes consecuencias negativas para o empresariado. A axilización dos trámites para que se faga realidade o novo polígono empresarial de Arrufana, ao atoparse Veigadaña practicamente completo, e ser Mos o pulmón empresarial de Vigo, a cidade máis grande e industrial de Galicia. Atopar unha solución urbanística para o Polígono do Rebullón, gravemente afectado por un incendio fai case un ano. Así como solucionar a problemática do canon que establece a Comunidade de Montes de Tameiga ás empresas do Polígono de Monte Faquiña. E, por último, promover un Centro de Negocios para o Parque Empresarial PEMOS-Veigadaña, que supoña un punto de encontro dentro do polígono, un nexo de unión, un centro neurálxico para diferentes usos.
Tanto Arévalo como Vieites coincidiron en destacar “que os empresarios e as súas empresas son o motor da economía galega e mosense, por iso temos que tenderlles a man e defender os seus intereses, como principal actor xerador de emprego e postos de traballo que son».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS