martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaO pleno de Mos aproba a regularización da parcela na que se...

O pleno de Mos aproba a regularización da parcela na que se construirá nova vivenda protexida

É o trámite previo á cesión da mesma ao IGVS, que dará luz verde a este proxecto en San Eleuterio

Esta luns aprobouse por unanimidade no Pleno Ordinario do mes de xaneiro do Concello de Mos a regularización da parcela municipal en San Eleuterio, para a súa posterior cesión ao IGVS, que permita o inicio da redacción do proxecto de Vivenda Protexida na mesma.
Deste xeito faise efectiva a rectificación do inventario de bens municipais para a incorporación de parcela segregada en San Eleuterio, camiño do Covelo s/n, Pedraucha, parroquia de Tameiga na que se construirán as primeiras Vivendas Protexidas en San Eleuterio. Trátase dunha parcela de 2.000 metros cadrados.
Esta parcela de 2.000 metros cadrados forma parte dun terreo de 6.000 metros cadrados, de titularidade e propiedade municipal na súa integridade. É por elo que cómpre parcelar a parte que se lle vai a ceder ao IGVS.
A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida, que se abriu o pasado 1 de xuño para a inscrición dos interesados neste tipo de vivenda en Mos, e que durante a primeira semana recollía 60 solicitudes, constaba a finais de ano de preto de 400 persoas inscritas.
A listaxe municipal de demandantes de Vivenda Protexida continúa activa para que todos os interesados poidan anotarse. O Concello tramita as solicitudes no rexistro oficial autonómico de Vivenda Protexida de Galicia para que a Xunta inicie os trámites pertinentes, xa que para acceder a unha vivenda protexida é imprescindible estar inscrito no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Xunta de Galicia.
O Plan de Vivenda Protexida en Mos concreta San Eleuterio como a zona na que desenvolver de xeito máis inminente o Parque de Vivenda Protexida no municipio. Para elo prevese actuar de xeito inmediato nun solar de 2.000 metros cadrados de propiedade municipal, que se lle cede á Xunta de Galicia a tal fin; e no que se levará a cabo o remate da FASE 2 de San Eleuterio.
Neste solar de 2.000 metros cadrados construiranse as primeiras vivendas, unha vez sexa efectiva a posta a disposición da parcela á administración autonómica por parte do Concello de Mos. A Xunta, unha vez que dispoña da parcela, encargará a redacción do proxecto de construción.
Este Plan de Vivenda Protexida en Mos verase complementado polo proxecto de remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio en Tameiga, coa que se transformará totalmente esta zona e que será financiada pola consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.
Polo tanto o plan de actuación abarca un total de 25.000 metros cadrados entre as actuacións de Vivenda Protexida en San Eleuterio e a remodelación da contorna da Capela de San Eleuterio.
Aínda que a zona de actuación máis inminente para establecer o novo Parque de Vivenda Protexida en Mos é San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, Concello e Xunta informan de que seguirán a traballar e explorar outras zonas de cara ao futuro, tendo en conta o crecemento da poboación e a demanda existente na localidade mosense.
Este Plan de Vivenda Protexida en Mos supón unha gran oportunidade residencial no municipio. O desenvolvemento de solo residencial no municipio é una das prioridades e apostas fortes do goberno local e da súa alcaldesa, Nidia Arévalo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS