Trátase da segunda fase da humanización da Estrada Louriñó-Sobráns
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou hoxe os traballos correspondentes á obra de continuación da humanización de Guizán no tramo Sobráns-Louriñó. Os devanditos traballos, que comezaron a finais do ano pasado e teñen un prazo de execución de 5 meses, avanzan a bo ritmo. Nestes intres estase a realizar a acometida da canalización de pluviais, e a execución de beirarrúas e muros.
A humanización de Sobráns a Louriñó é a continuación do trazado de beirarrúas para mellora da mobilidade peonil na estrada Louriñó-Sobráns. A actuación desenvólvese ao longo de 2 quilómetros, partindo desde o Centro Cultural de Guizán cara ao cruzamento coa Estrada Puxeiros-Mos. O proxecto xera un espazo de tránsito seguro nunha estrada na que existe un elevado número de vivendas.
Trátase dun proxecto de execución dunha nova beirarrúa desde o Centro Cultural de Guizán ata o chamado Cruce do Moreno (parroquia de Torroso), financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O presente proxecto ten como obxectivo a execución das obras e actuacións necesarias para xerar novos itinerarios peonís, aplicando criterios de mellora da seguridade vial, mobilidade sostible e posta en valor do patrimonio cultural.
A actuación está motivada principalmente pola necesidade de creación dun itinerario peonil seguro nun percorrido con alta presenza de usuarios debido ó seu papel de conexión de equipamentos sociais, culturais e relixiosos.
Neste sentido, a actuación plantéxase como un itinerario seguro e accesible con distintas zonas que distribúen e organizan o seu marcado carácter lonxitudinal.
O criterio principal de deseño é optar pola xeración de espazos de coexistencia, con preferencia peonil naqueles lugares onde as características espaciais da estrada o fagan posible.Buscando mediante a unificación dos pavimentos unha redución de velocidade por parte dos vehículos que garanta a seguridade dos viandantes.
A beirarrúa discorre pola marxe esquerda e dereita, adaptándose aos condicionantes presentes no seu trazado, polo que é necesario ampliar a plataforma actual nalgúns tramos, tomando como criterio a conservación de todos os elementos construídos existentes. A beirarrúa contará con vados de acceso ás parcelas.
O orzamento base de licitación con IVE desta obra ascende a 657.456,66 euros.
Deste xeito desde o Concello de Mos séguense a dar pasos no Plan Mos Humanizado, que se iniciou na pasada lexislatura.