Como é habitual cada Nadal, o prezo do peixe e do marisco aumenta nestas datas pero este ano, debido ao temporal e ao veto europeo á pesca, chegou a dublicarse.
O veto á pesca de fondo e o temporal vivido en Galicia nos últimos días provocaron un encarecemento do peixe nas lonxas de Galicia, chegando mesmo a duplicar o seu valor debido á escaseza de produto en certas zonas.
Así o sinalou o presidente da Federación Galega de Confrarías, José Antonio Pérez Sieira, quen explicou que os prezos subiron «moitísimo» porque os barcos non puideron saír a pescar a causa do temporal. Isto provocou unha situación de escaseza de produto en lonxas como a de Ribeira, onde o propio Pérez Sieira é o patrón maior, na cal os prezos dalgunhas especies hanse case duplicado en comparación con xornadas anteriores.
«Contabamos con esta semana para gañar diñeiro e traballar, xa que normalmente os prezos soben. Pero o temporal impedíunolo. Non hai produto e claro, aumenta o custo do peixe», lamentou, indicando que a pesar deste incremento de prezos, os mariñeiros non se están beneficiando do mesmo.
Por outra banda, o sector continúa presionando para que o Executivo central acorde unha redución do IVE dos produtos do mar ao 4%, desde o actual 10%.