Exemplo de muller traballadora, caracterizouse sempre polo seu tesón e capacidade de autosuperación
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, achegáronse onte pola mañá ata San Rafael, parroquia de Pereiras, para felicitar a Pilar Arjones polo seu 103 aniversario. Pilar, xunto con Jesusa Ramilo, de 104 anos (veciña de Herville, Cela), é unha das veciñas mosenses máis lonxevas.
Pilar Arjones naceu no seo dunha familia de cinco irmáns en Pías, Ponteareas. Foi a segunda dos cinco. Os irmáns varóns, entre os outros catro, faleceron a causa dunha enfermidade dexenerativa muscular, distrofia muscular miotónica de Steinert (DMM), ou Síndrome de Steinert, que afecta aos homes.
Comezou a súa vida laboral traballando na casa dun alto cargo da Marina Militar en Ferrol e de alí trasladouse a Vigo para servir tamén nunha casa. En Vigo coñeceu ao seu marido, Manuel Rodríguez Fontán, natural da parroquia mosense de Sanguiñeda, onde Pilar casou con el e se asentou na que foi a súa primeira residencia familiar como marido e muller.
En Sanguiñeda viviron dous anos e alí naceu en 1957 a súa primeira filla, Puri. Ese mesmo ano, tendo Puri 6 meses de idade, trasladáronse a San Rafael, na parroquia de Pereiras, tendo que levar ata alí todas as súas pertenzas nun carro de bois.
A súa segunda filla, Isabel, naceu xa en san Rafael, no ano 1960. Residindo xa en San Rafael, Pilar traballou na casa dun directivo da empresa Cooper Zeltia ata os 60 anos, idade na que padeceu un ictus.
Aquel ictus, daquela diagnosticado como derrame cerebral, do que a tiveron que operar, paralizoulle medio corpo e tivo que aprender a camiñar, falar e comer de novo. Pero tras dous anos de intensa rehabilitación logrou recuperarse ao 100%. Dende aquela, Pilar continuou plenamente activa ata os 95 anos, ocupándose da casa, a limpeza e facer a comida para toda a súa familia. Unha caída que lle provocou fractura de pelvis a esa idade fixo empeorar notablemente a súa mobilidade.
Pilar quedou viúva fai dous anos, xa que o seu marido Manuel faleceu en 2020 aos 92 anos de idade. Esta incrible muller traballadora, exemplo de tesón e autosuperación, ten, ademáis das súas fillas Puri e Isabel, catro netos e outros catro bisnetos.