miércoles, noviembre 27, 2024
InicioComarcasLouriñaXunta e o Concello de Mos invisten máis de 1,2 millóns na...

Xunta e o Concello de Mos invisten máis de 1,2 millóns na mellora da urbanización de San Rafael

O obxectivo desta intervención é mellorar a accesibilidade entre os edificios residenciais e os dotacionais

A Xunta de Galicia e o Concello de Mos investirán máis de 1,2 millóns de euros na reforma integral da urbanización de San Rafael, na parroquia de Pereiras, segundo o convenio asinado hoxe pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e a alcaldesa da localidade, Nidia Arévalo.

Escoitamos á conselleira e á alcaldesa:

Escoitamos a Purificación Barciela, arquitecto técnico:

 

A intervención neste barrio de vivendas construídas a finais dos anos 50 ten como obxectivo mellorar a accesibilidade entre os edificios residenciais e os dotacionais a través de distintas actuacións, como, por exemplo, a substitución do pavimento asfáltico e redimensionado dos viarios para mellorar a seguridade viaria; o soterramento das redes de enerxía eléctrica en baixa tensión e telefonía; a construción dunha nova rede de pluviais, e a renovación e ampliación da rede de alumeado.

A maiores, o proxecto, financiado nun 70% pola Xunta e nun 30% polo Concello, tamén prevé a introdución de especies vexetais, a instalación de mobiliario urbano -luminarias, bancos e papeleiras- así como a mellora da sinalización vertical e horizontal.

Segundo salientou a conselleira, esta actuación executarase ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa de apoio ás entidades locais galegas posto en marcha pola Xunta no ano 2010 co obxectivo de promover actuacións que contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida da súa veciñanza.

Desde entón e grazas a esta iniciativa, mobilizáronse ao redor de 163 millóns de euros para o financiamento de máis de 410 actuacións urbanísticas en decenas de concellos galegos, dirixidas tanto a habilitar ou recuperar equipamentos públicos municipais como a poñer en valor as contornas urbanas. Ata o momento, só na provincia de Pontevedra xa están comprometidos ou executados un total de 63 proxectos.

De feito, segundo lembrou Ángeles Vázquez, o Concello de Mos xa se beneficiou con anterioridade desta iniciativa para mellorar a pavimentación da urbanización de San Eleuterio e para humanizar a contorna parroquial de San Mamede.

A Xunta destinará 8,6 millóns de euros o vindeiro ano a seguir apoiando ás entidades locais galegas na execución deste tipo de obras, un 23% máis que o orzamento reservado a tal fin en 2022.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS