Despois de que varios hospitais galegos tivesen que adiar operacións non urxentes (sobre todo traumatolóxicas) por falta de reservas de sangue, Sanidade fai un chamamento á solidariedade da poboación.
Especialmente fan falla doazóns de sangue dos grupos 0+ e A+, que son as que máis escasean.
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, organismo que depende da Xunta, fixo un chamamento xeneralizado á poboación para que aumente as doazóns de sangue, especialmente desdes dous grupos: 0+ e A +.
A escaseza de sangue destes dous grupos concretos motivou que o martes se reprogramasen 20 intervencións cirúrxicas non urxentes de pacientes con estes grupos, que serán «citados tan pronto como sexa posible», sostén o organismo nun comunicado.
Estas reprogramacións, á súa vez, supuxeron que se puidesen «adiantar» outras intervencións cuxos grupos sanguíneos non teñan problemas de baixa reserva, indica ADOS. Segundo A Axencia de Doazón, a demanda de compoñentes sanguíneo e a coincidencia de días festivos na mesma semana provocaron unha diminución nas reservas de sangue, polo que a Xunta anima e pide aos cidadáns que aumenten a súa participación nas campañas de doazón habituais.
Sanidade lembra que os hospitais galegos precisan 400 e 500 doazóns diarias para facer o seu traballo de forma «adecuada», para o que os cidadáns se poden achegar á propia sede da ADOS en Santiago de Compostela ou a unha das dez unidades móbiles que cada día percorren a comunidade.