domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasBaixo MiñoO arquivo familiar máis antigo de Galicia está en Tui

O arquivo familiar máis antigo de Galicia está en Tui

No número 15 da rúa Bispo Castañon de Tui atópase o arquivo familiar máis antigo de Galicia, con máis de 17.500 documentos e cinco séculos de historia.

O seu actual propietario, o doutor en Dereito Mercantil Xabier Añoveros Tías de Bes, dedicou os últimos 20 anos a ordenalo e, recentemente, acaba de presentar una tese doutoral da que este arquivo é protagonista. “Papeis e familia. O Arquivo da Casa da Canicouba de Tui” é o nome que Xabier Añoveros escolleu para desentrañar o arquivo familiar da Casa da Canicouba, un pazo urbano que data dos século XVI e que pertenceu a 14 xeración dunha mesma familia.

Xabier Añoveros, nado en Pamplona, residente en Barcelona e tudense de adopción, comprou a Casa da Canicouba aos seus sogros en 1997. Fíxoo xunto a súa muller, Julia García-Valdecasas Salgado, que foi Delegada do Goberno de España en Cataluña e Ministra de Administracións Públicas cando José María Aznar era presidente. Ambos emprenderon unha reforma integral da vivenda e, cando Julia García-Valdecasas faleceu en 2009, a propiedade pasou integramente a mans de Añoveros. “Non saíu nunca da familia, herdouse por liña directa durante 14 xeracións”, indica.

Dezaseis propietarios

En total, a Casa da Canicouba tivo 16 propietarios. A todos eles dedica un capítulo na súa tese doutoral. A primeira en escribir a historia deste inmoble foi Isabel Barbosa, a persoa que máis puxou polo terreos nunha poxa pública que tivo lugar na catedral tudense en 1547. Así aparece reflexado nas escrituras de adquisición da parcela onde se construíu a casa, que foi facéndose maior co paso dos anos debido a que os sucesivos donos compraron as fincas lindeiras. Non foi ata 1750 cando a casa se converteu en pazo urbano, en pleno Conxunto Histórico de Tui.

Julia García-Valdecasas pecha o apartado dedicado aos propietarios da Casa da Canicouba. O resto da tese narra a historia do edificio, con todas as súas modificacións, e do arquivo familiar. Sobre este último, Añoveros destaca que “non hai ningún arquivo familiar en Galicia que se inicie no século XVI”. Así llo dixo o ex presidente da Xunta de Galicia Manuel Fraga fai vinte anos. “Sabe vostede que ten o arquivo familiar máis antigo de Galicia. Coñezo dous do século XVII, un preto de Santiago e outro preto de Lugo, pero dende o século XVI é o primeiro que coñezo, e eu de Galicia coñezo algo”, díxome Fraga durante una visita á Casa da Canicouba.

Entre os preto de 18.000 documentos que compoñen o arquivo, hai escritos de todo tipo. “É un arquivo riquísimo. Hai testamentos, gastos de enterro, contratos de arrendamento, fotos, doazóns, herdanzas, sete expedientes de nobreza e fidalguía y ata preitos coas monxas “encerradas” de Tui porque a casa está parede con parede co convento”, explica o autor da tese, engadindo que tamén aparecen as sinaturas de Carlos I, Fernando VII e Isabel II, un reflexo da evolución non so de Tui e de Galicia, tamén de España.

“É moi complexo realizar una tese sobre algo do que non hai nada escrito”, confesa Añoveros, que acompañou este traballo cun resumo da historia de Tui durante os cinco séculos coetáneos coa Casa da Canicouba. “Documenteime cos 400 libros sobre Tui que integran a biblioteca da casa, conformada por máis de 10.000 exemplares”, destaca este avogado amante dos libros e a literatura, dúas paixóns que comparte co Instituto de Estudos Tudenses, institución da que é presidente.

E é que, o vínculo de Xabier Añoveros con Tui traspasa as paredes da Casa da Canicouba. Á súa recente tese doutoral compre engadir outras seis publicación sobre Tui, Concello que tamén lle demostrou o seu cariño converténdoo en pregoeiro das Festas de San Telmo de 2008, honra que comparte coa súa muller, Julia García-Valdecasas, que o foi dez años antes, no 1998. Gracias a ela descubriu esta cidade, na que pasa “arredor de 60 días ao ano”.

 

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS