Aquel alumno do IES do Barral de Ponteareas que gañaba os concursos de relatos do instituto -tres en total- xa publicou o seu primeiro libro.
Trátase de Alexandro Bouzó, que, aos seus 19 años, e para sorpresa de familia e amigos, acaba de editar “Pensamento contrafáctico”, unha novela xuvenil, catalogada como romántica, pero que se desenvolve nun ambiente de alcohol, drogas e violencia.
A obra transcorre en Ponteareas e o seu protagonista é Brais, un rapaz recén chegado á vila do Corpus que se namora de Erea e que, tras un fatídico acontecemento, enfróntase a unha sucesión de episodios traumáticos que fan tremer os pilares que suxeitan os seus vínculos afectivos.
Na súa primeira novela, Alexandro combina os seus dous posibles futuros profesionais: a escritura e a psicoloxía. E é que, o ponteareán conciliou a súa faceta como escritor cos seus estudos de psicoloxía. Un exemplo é o propio título do libro, “Pensamiento contrafáctico”, un termo que sacou dunha materia de Psicoloxía e que se emprega cando tratamos de imaxinar como sería a realidade se tomáramos diferentes decisións. Todos eses “E se…?”.
“Empecei a escribir aos 9 anos, pero nunca llo contei a ninguén. So me presentaba aos concursos de relatos do instituto, pero nada máis. Un día dinme conta de que tiña o ordenador cheo de relatos e poemas e foi aí cando me decidín a escribir un libro”, conta Alexandro que, unha vez rematou as 180 páxinas de “Pensamiento contrafáctico”, sentouse cos seus pais e díxolles: “Non vos estou pedindo permiso, pero quero que saibades que vou a investir este diñeiro en autoeditar un libro”. “Quedáronse flipando, pero logo apoiáronme moito”, recorda.
De isto fai case un ano, pois, comenta que o proceso de autoedición foi longo, pero satisfactorio. Para iso confiou na editorial Caligrama, selo de autoedición da prestixiosa Penguin Randon House Grupo Editorial, e investiu preto de 2.000 euros.
“Consultáronme todo; non empregan o teu traballo para facer o que eles queren”, explica, satisfeito co resultado: un libro dispoñible xa en todas as plataformas online, como Casa del Libro ou Amazon, e en algunhas librerías de Ponteareas, a un prezo de 15,95 euros.