lunes, noviembre 25, 2024
InicioComarcasLouriñaUn milleiro de persoas na xornada do comezo do Nadal en Mos

Un milleiro de persoas na xornada do comezo do Nadal en Mos

Ao concerto de A Banda da Balbina e á contra atrás para o acendido das luces asistiron un total de 700 persoas

Onte domingo 4 de decembro celebrouse en Sanguiñeda, na rotonda das Angustias, o acto do acendido do alumeado de Nadal. Houbo actividades dende as 11 da mañá con mercadiño de artesanía, animación infantil e de rúa (zancudos, obradoiro de pintado de caras para os máis pequenos…).
Ás 18.00 horas daba comezo o concerto de A Banda da Balbina que, segundo fontes municipais, foi todo un éxito, co acendido do alumeado ás 18.30 horas. O fin de festa, como xa vén sendo tradición, foi con chocolate con rosca para todas as familias asistentes.
Ademais de A Banda da Balbina, durante todo o día actuaron as agrupacións folclóricas mosenses: o Grupo de Baile e Gaitas Nosa Terra de Pereiras, o Gupo de Gaitas Airiños do Castelo, o Grupo de Gaitas de Herville e o Grupo de Gaitas Ruada de Torroso.
Durante toda a xornada de onte máis de 1.000 persoas pasaron polas Angustias para gozar dos diferentes actos do domingo do acendido do alumeado de Nadal en Mos. Durante a actuación musical de “A Banda da Balbina” e a conta atrás para o acendido congregáronse na rotonda 700 persoas.
A administración local estivo representada onte en Sanguiñeda pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; a concelleira de Cultura, Sara Cebreiro, e os tamén edís mosenses Leo Costas, Julia Loureiro, José Areal e Baldomero Lorenzo.
Por sétimo ano consecutivo (agás o 2020 no que non se realizou por mor da pandemia) dende o Concello quíxose dar comezo a esta época de ilusión con este evento simbólico de acendido que tanto lles gusta aos veciños e veciñas mosenses. Mostra diso é que se acadara unha afluencia de máis de 1.000 asistentes.
A programación de Nadal deste ano do Concello de Mos caracterízase, como vén sendo unha constante dende fai varios anos, por actividades que fomentan o ocio familiar.
Alumeado
O alumeado deste ano caracterízase por ter “como sempre un toque especial”, incluíndo elementos chamativos coma árbores de Nadal xigantes de luz. Os lugares nos que se puxo especial énfase neste tipo de detalles foron as zonas urbanas do municipio, como por exemplo a propia Praza do Concello, San Eleuterio, o alto de Puxeiros, San Rafael en Pereiras ou a Avenida de Sanguiñeda, entre outras.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS