Mos presenta a súa programación municipal conmemorativa do 25N
O Concello de Mos presentou, representado por representantes de varios clubs deportivos do municipio, a programación conmemorativa do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, declararon a este respecto que “como cada ano o mes de novembro tínguese de morado e dende o Concello de Mos, a través do CIM, xunto cos colexios, escolas infantís e clubs deportivos, levaremos a cabo actividades para sensibilizar e previr a violencia de xénero dende os valores do respecto, a educación e a corresponsabilidade. Sen esquecer as vítimas de violencia asasinadas o longo deste 2022”.
O programa de actos incluirá, o 24 de novembro ás 10.30 horas, a Mesa Local de Coordinación Contra a Violencia de Xénero. O propio día 25, ás 12.00 horas, celebrarase o acto institucional no Concello en homenaxe ás vítimas a cargo das persoas voluntarias dos puntos lila do CIM e ás 17.00 horas terá lugar o acto cos clubs deportivos no Campo de Fútbol de Coto Torrón (acto de homenaxe ás vítimas e de reivindicación do respecto á igualdade no deporte).
Durante este acto os clubs deportivos de Mos comprometeranse a traballar non só este 25 de novembro, senón tódolos días do ano a prol da igualdade e contra a violencia de xénero a través das actividades de cada un deles.
Os Clubs Deportivos participantes son:
Club Unión Deportiva Mos
Club Deportivo Alerta De Sanguiñeda
Club Deportivo Louro De Tameiga
Escola de Patinaxe Rosaleira
Escolas de Patinaxe De Mos
Club Patinaxe Xiramos
Clubs Ciclista Master
Escola de Equitacion San Cosme
Club Hípico J.C – Torroso
Club Xadrez Mos
Club Natación Mos
Club Tiro Con Arco Archers Team
Club Baloncesto Mos
Club Deportivo Esclavas Virgen Dolorosa
Club Tenis De Mesa De Mos
Escolas de Capoeira Bambino
O CIM de Mos impartirá charlas sobre igualdade tamén nos clubs deportivos.
Tamén se realizarán actividades para os centros educativos como xincanas de corresponsabilidade nos centros de educación primaria, dirixida aos cursos 4º, 5º e 6º . Para o alumnado dos CEIPS do Concello de Mos proponse unha actividade lúdica e formativa na corresponsabilidade, que será o 25 de novembro no colexio de Atín Cela, o 29 de novembro no Colexio Valverde Mayo (Sanguiñeda), o 1 de decembro no CEIP Pena de Francia, o 2 no Mestre Martínez Alonso e o día 5 de decembro no colexio de Petelos.
Por último, levarase a cabo un obradoiro dirixido ás familias das crianzas das escolas infantís A Galiña Azul combinando procesos formativos con metodoloxías participación activa das persoas participantes, a reflexión grupal e individual a través de debates e mediante a realización de dinámicas individuais e grupais, actividades vivenciais e o uso de materiais audiovisuais. As datas de celebración son o 22 de novembro na Porteliña, o 23 na Veigadaña e o 24 en Coto Torrón.