martes, noviembre 26, 2024
InicioComarcasLouriñaMos celebra unha xunta de seguridade para erradicar o botellón en Sanguiñeda

Mos celebra unha xunta de seguridade para erradicar o botellón en Sanguiñeda

Dado que a situación está a volverse insostible para a veciñanza, abriuse xa un expediente sancionador, aprobarase unha ordenanza municipal de convivencia cidadá e reforzarase a presenza e control dos corpos e forzas de seguridade na zona

O Concello de Mos acolleu, a petición da propia administración local, unha Xunta Local de Seguridade, a primeira e única da presente lexislatura, na que estiveron presentes representantes municipais, da Subdelegación do Goberno, Policía Local, Autonómica e Garda Civil.
Reuníronse neste senso no salón de sesións do Concello a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba García; a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o asesor da Subdelegada, Lois Herrera Fraile; o coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal Contreras; o capitán da Garda Civil, o Ssrxento da Garda Civil de Mos, Juan Antonio López Ganaza; Antonio José Torres Rodríguez en representación da Policía Autonómica; Gerardo Álvarez Reguero, xefe da Policía Local de Mos; Víctor Rodríguez Pérez, asesor xurídico do Concello de Mos; Víctor Diz, axente da Policía Local de Mos e Almudena Recamán, secretaria da Xunta Local de Seguridade.
A reunión comezou co balance da criminalidade a cargo do Coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil, Simón Venzal, para pasar, de seguido, ao tema central polo cal a alcaldesa decidiu convocar a xuntanza: a problemática que se produce durante as fins de semana na contorna da discoteca Queen na Avenida de Sanguiñeda, onde se rexistran periodicamente celebracións de botellón, actos vandálicos e problemas de ruído, lixo e seguridade cidadá. E onde nos últimos meses se levan producido centos de denuncias.
Nidia Arévalo expresou que “como alcaldesa, preocúpame enormemente esta situación, trátase dun problema moi serio de seguridade cidadá, polo que desde o Concello atopámonos traballando intensamente para tentar solucionalo facendo todo o posible e o que está na nosa man. Mantivemos unha reunión cos veciños da parroquia e a Policía Local a este respecto. Colocamos na zona carteis informativos, e os axentes locais están a proceder á imposición de sancións por consumo de bebidas alcohólicas na vía pública. Para iso a Policía Local está a facer horas extras para poder cubrir a quenda de noite. Ademais, aprobaremos no próximo Pleno unha ordenanza de convivencia cidadá prohibindo o consumo de alcohol tamén en espazos privados ao aire libre (como aparcamentos) e que nos permitirá darlle seguridade xurídica ás sancións de todo este tipo de actos que tanto malestar, como é lóxico, cáusanlle a moitos veciños e veciñas que constantemente acoden ao Concello e ao Cuartel da Garda Civil a presentar as súas queixas polos mesmos”.
A ordenanza municipal de convivencia cidadá levarase a aprobación ao vindeiro Pleno municipal para posteriormente entrar en período de exposición pública e, a finais de xaneiro, previsiblemente, entrar xa en vigor. Por parte do Concello de Mos tamén se lle abriu un expediente sancionador á discoteca en cuestión. E a Garda Civil xa incrementou a súa presenza na zona.
Pola súa banda a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, expresou a súa “satisfacción ante a convocatoria desta Xunta Local de Seguridade por parte do Concello de Mos, xa que é moi construtivo que se convoquen estas Xuntas desde os municipios, e desde a Subdelegación do Goberno en Pontevedra é, e sempre será, a nosa prioridade favorecer a coordinación entre os corpos e forzas de seguridade do Estado”.
Da Xunta Local de Seguridade extraeuse o compromiso de todas as partes implicadas de maximizar os esforzos para resolver a problemática e a coordinación dun dispositivo conxunto entre os tres corpos de seguridade: policías Local e Autonómica e Garda Civil para o control da zona durante os momentos de maior necesidade por afluencia de persoas. A curto prazo a discoteca ten xa programadas dúas grandes macrofestas, e as festas de Nadal serán tamén momentos de especial control e vixilancia.
Farase un especial control por parte da Policía Autonómica do consumo e venda de alcohol a e por menores.
Deste xeito coordinarase entre todas as administracións responsables e corpos e forzas de seguridade o dispositivo necesario para disuadir na medida do posible esta situación que se está a volver insostible para os habitantes da zona

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS