lunes, noviembre 25, 2024
InicioNewsO PaísAo cárcere por unha ducia de lumes en Ponteareas e Salvaterra

Ao cárcere por unha ducia de lumes en Ponteareas e Salvaterra

Decretada cárcere provisional para o presunto autor dunha ducia de incendios forestais en Ponteareas e Salvaterra de Miño.

A investigación conxunta da Unidade de Investigación de Incendios Forestais (UIFO) e dos axentes do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil de Ponteareas permitiu a entrada en prisión do presunto autor de máis dunha ducia de lumes forestais nos concellos pontevedreses de Salvaterra de Miño e Ponteareas.

Foi a Fiscalía de Vigo a que solicitou a súa entrada no cárcere tras os novos indicios aportados.

Así, o home estaba a ser investigado por varios incendios rexistrados desde o ano 2020 tanto na parroquia de Uma, en Salvaterra de Miño, como na de Guillade, en Ponteareas.

Segundo os indicios, todo apunta a que volveu actuar este verán en Uma, ao ser albiscado polos veciños na zona onde se iniciou un novo lume.

Posteriormente, axentes da UIFO atoparon unha posible pastilla de acendido, que se veu sumar ás gravacións de probas indiciarias que xa acadaran no pasado.

Dos lumes rexistrados este ano, dez tiveron a consideración de incendios forestais e os dous restantes rexistráronse en terreo agrícola. Os incendios rexistráronse entre os días 22 de xaneiro e 19 de abril de 2022 e en todos eles a causa foi intencionada, segundo puideron constatar os axentes da UIFO. A súa investigación, coa colaboración do persoal do distrito XVII (O Condado-Paradanta) acadou as probas suficientes para a identificación e posta a disposición xudicial do presunto responsable destes incendios.

Todos os incendios localizáronse nas proximidades do barrio de San Andrés e a rápida e eficaz actuación dos medios de extinción do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF) permitiu que a superficie total afectada non superara as 3,43 hectáreas, a maioría delas de monte arborado. Ademais, impediron que se vise afectada algunha vivenda, malia que en varios dos incendios o lume chegou a estar a menos de 50 metros das casas. Os gastos de extinción destes 12 incendios ascenderon a 12.820,97 euros.

Ademais, dáse a circunstancia de que esta persoa é reincidente. Así, as investigacións por incendios forestais realizadas polos axentes ambientais do distrito XVII remóntanse ao 2020, ano no que este mesmo individuo foi posto a disposición xudicial, nun xulgado de Ponteareas, pola presunta autoría de sete incendios forestais, ocorridos, tamén nesa ocasión , na mesmas parroquias de Uma (Salvaterra de Miño) e Guillade (Ponteareas).

Todas estas novas probas incorporáronse ao atestado xa aberto e déronse a coñecer á Fiscalía de área Vigo, que solicitou o ingreso en prisión provisional do presunto incendiario. Finalmente, a persoa identificada foi posta a disposición do Xulgado nº 2, de 1ª Instancia e Instrución de Ponteareas e onte mesmo entraba en prisión.

Así, a colaboración cidadá e o traballo conxunto entre a Unidade de Investigación de Incendios Forestais da Xunta e o Equipo de Investigación de Incendios do Seprona da Garda Civil de Tui resultou fundamental para o esclarecemento destes incendios forestais e a posta a disposición xudicial do suposto autor dos mesmos.

Ademais, cabe lembrar que a creación da Unidade de Investigación de Incendios Forestais no ano 2021, con 15 axentes ambientais dedicados exclusivamente á investigación dos lumes, permitiu concentrar de xeito significativo os esforzos en operativos deste calado

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS