A Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto, anunciou este venres que a factoría viguesa do grupo automobilístico Stellantis recibirá 15 millóns de euros do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica do Vehículo Eléctrico e Conectado para a súa iniciativa Aires, polo que esixiu á Xunta «implicación».
Maroto deu a noticia este venres tras presentar o PERTE do Naval en Vigo, onde puxo en valor o traballo realizado polo Goberno para axudar á compañía «no presente e no futuro».
A ministra de Industria explicou que no grupo de traballo creado con representantes da empresa, do Executivo central e das tres comunidades autónomas onde Stellantis ten unha factoría están a avaliarse as necesidades da compañía. Sobre a planta de Vigo, indicou que se falou da moi alta tensión, dunha revisión dos prezos que paga a Zona Franca e de cal vai ser o acompañamento das administracións aos investimentos que Stellantis pretende realizar no futuro para adaptar as súas instalacións ao vehículo eléctrico.