lunes, noviembre 18, 2024
InicioNewsO PaísA Xunta mantén a declaración de seca prolongada en toda a demarcación...

A Xunta mantén a declaración de seca prolongada en toda a demarcación Galicia-Costa

A administración autonómica asevera que existen «perspectivas optimistas para reverter a situación nas vindeiras semanas».

A Oficina Técnica da Seca acordou, na reunión celebrada esta mañá, manter a declaración de seca prolongada en toda a Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, pero con perspectivas optimistas para reverter a situación nas vindeiras semanas.

A directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presidiu hoxe unha nova xuntanza da Oficina Técnica da Seca, na que participaron tamén representantes dos departamentos de Protección Civil, Meteogalicia e da Consellería do Medio Rural.

O índice das precipitación globais en Galicia durante a primeira quincena de outubro foron escasas, situación que mudou de xeito brusco nos últimos días, desde o pasado sábado, coa chegada dunha borrasca moi activa que durará toda esta semana.

Deste xeito, e de acordo con todas as predicións meteorolóxicas, ábrese o camiño á chegada de novas borrascas similares nas próximas semanas, polo que as previsións fan esperar importantes achegas de auga no ámbito da demarcación Galicia-Costa. Estas previsións e, á espera de que novembro poida ser un mes normal en canto a precipitacións, suporá un cambio de tendencia que permitirá reverter a situación.

Segundo os parámetros analizados hoxe na Oficina, as choivas rexistradas nestes últimos días están tendo reflexo nos caudais circulantes dos ríos que están a experimentar picos de caudal importantes. Dado que esta é a primeira borrasca importante, haberá que dar un tempo para realizar unha avaliación máis ampla da incidencia no sistema fluvial da Demarcación e poder confirmar unha consolidación do aumento dos caudais dos ríos.

Estabilización nos niveis dos encoros

Cos datos actualizados a día de onte, 19 de outubro, a ocupación actual dos encoros de abastecemento en Galicia-Costa é do 53,7%, un 15 % inferior ao promedio dos últimos 10 anos. Non obstante, estas últimas choivas permitiron a estabilización dos niveis e, mesmo nalgúns casos, unha lixeira melloría desde esta pasada fin de semana.

Os encoros de Zamáns e de Baíña, baixo un especial seguimento, rexistraron tamén esta estabilización, aínda que seguen en niveis de ocupación baixos para esta época. Ambos os dous están un 22% por debaixo do promedio dos últimos anos, e en niveis de ocupación próximos aos rexistros mínimos dos últimos 10 anos.

O encoro de Cecebre, tamén baixo seguimento especial, actualmente atópase ao 38%, un 22% inferior á media dos últimos anos.

No caso doutros encoros, como o de Eiras, as choivas están a supor un cambio importante, permitindo practicamente o seu enchido ata a cota de resgardo contra avenidas. Como Eiras, outros encoros da demarcación están empezando recuperar a normalidade.

Coa análise de todos estes indicadores particularizados, a Oficina Técnica da Seca acordou manter para os subsistemas de Baiona e de Zamáns as medidas equivalentes a un escenario de alerta por escaseza de auga. Cómpre lembrar que estes sistemas abastecen aos concellos de Nigrán, Baiona e parte do de Vigo.

A Oficina tamén decidiu manter a situación de prealerta por escaseza de auga nas concas dos sistemas do río Verdugo, da ría de Vigo e da de Baiona, na costa de Pontevedra, no río Lérez e na ría de Pontevedra, no río Tambre e nas rías de Muros e Noia, no río Grande e na ría de Camariñas e a costa de A Coruña ata o límite de Arteixo, no río Anllóns e no Mero.

Na próxima reunión, a Oficina Técnica da Seca avaliará a evolución que se poida derivar da situación meteorolóxica das próximas semanas e se, efectivamente, as precipitacións que se poidan producir confirman o aumento dos niveis freáticos e consolidan tamén un aumento nos caudais básicos dos ríos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS