A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez inaugurou a xornada “Tendencias e servizos do transporte ferroviario en Galicia”, organizada polo Clúster da Función Loxística de Galicia.
A Xunta reclamou hoxe que o Cumio Ibérico de Viana do Castelo marque un punto de inflexión no impulso do Goberno de España do tren Vigo-Porto e inicie o diálogo sobre a Ponte Internacional.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, inaugurou a xornada “Tendencias e servizos do transporte ferroviario en Galicia”, organizada polo Clúster da Función Loxística de Galicia, na que tamén participaron o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jorge Cebreiros, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro.
Vázquez Mourelle explicou que Galicia e Portugal necesitan unha planificación completa por parte do Goberno de España para desenvolver as actuacións e os orzamentos necesarios para completar o tren de alta velocidade entre as cidades de Vigo e de Porto.
Apuntou que ese camiño debe comezar por fixar un calendario concreto para a Saída Sur de Vigo.
Non obstante, contrapuxo o paso adiante de Portugal confirmado a través do seu primeiro ministro, coas partidas orzamentarias consignadas polo Goberno de España nos Presupostos Xerais do Estado para 2023 e os vindeiros anos, que non convidan ao optimismo, dixo.
Por iso instou ao Goberno central a dar o primeiro paso e definitivo para a conexión ferroviaria con Portugal mediante a execución da Saída Sur de Vigo, que se atopa aínda pendente dun compromiso real por parte do Executivo español.
Detallou que a Saída Sur permitiría multiplicar o negocio do Porto de Vigo, fortalecería a Eurorrexión e posibilitaría acurtar o tempo de viaxe entre as dúas cidades, entre Vigo e Porto, en 22 minutos.
Incidiu tamén no obxectivo permanente e irrenunciable do Goberno galego para reivindicar a conexión completa en alta velocidade entre Vigo e Porto e reducir o percorrido desde as 2 horas e 20 minutos actuais a menos de 1 hora.
Lembrou que a Xunta vén insistindo ante o Goberno de España en que defina un Plan Director do Corredor Atlántico e, de forma consensuada coas Comunidades Autónomas do noroeste, impulse os proxectos máis prioritarios para o fortalecemento da rede ferroviaria de mercadorías do noroeste peninsular.
O Goberno galego tamén vén reiterando ante ao Ministerio de Transportes que aposte polo Corredor Atlántico e polo noroeste tanto como o está a facer polo Corredor Mediterráneo.
Subliñou que o futuro de Galicia será mellor se a comunidade está máis conectada e conta con mellores infraestruturas e servizos ferroviarios. Así, remarcou o compromiso da Xunta para seguir traballando para que Galicia mellore o seu posicionamento loxístico.