A xuíza decretou a posta en liberdade con cargos e a retirada do carné de conducir ao mozo que conducía o coche accidentado o domingo en Ponte Sampaio no que morreu un veciño de Cesantes (Redondela) de 23 anos. O investigado deu positivo en alcol e drogas.
O condutor, que responde as iniciais B. L. C. foi detido o mesmo domingo tras dar positivo en drogas e alcol
Como medida cautelar, impónselle a retirada do permiso de conducir e está investigado por un delito de condución baixo a influencia de alcol e drogas e outro de homicidio imprudente, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
Pasou a noite en dependencias da Comandancia da Garda Civil e este luns pasou a disposición xudicial. Fora detido como presunto responsable do accidente ocorrido ás 11.30 do domingo nunha pista entre A Comboa (Soutomaior) e Acevedo, na parroquia pontevedresa de Ponche Sampaio.
Ademais de B. L. C. veciño de Soutomaior, no Citroën viaxaban dúas mulleres e outro home, todos eles entre 18 e 23 anos, cando se produciu unha violenta colisión contra unha árbore.
O principal impacto recibiuno Omar Ramos, que ocupaba o asento traseiro dereito. Practicamente morreu no acto.
Os outros tres ocupantes, o condutor e dúas mozas, todos eles veciños de Soutomaior, resultaron feridos leves e tras pasar por centros sanitarios de Pontevedra, a Garda Civil detivo ao piloto por dar positivo en alcol e drogas.