O Concello do Porriño concedeu a licencia de obras á Diocese Tui – Vigo para a reconstrución do templo localizado no parque do Cristo
As obras de reconstrución da Capela do Cristo darán comezo nos próximos meses. O Concello do Porriño concedeu esta semana a licencia de obra á Diocese de Tui-Vigo para o comezo dos traballos de reparación da cuberta do templo antes de seis meses.
As obras que executará e financiará a Diocese Tui-Vigo contan coa autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e un orzamento de 71.165 euros.
“É unha gran nova para O Porriño, algo moi demandado non só polo valor patrimonial e sentimental da Capela senón tamén pola perigosidade que implica o estado no que se atopa dende hai máis de dous anos”, afirmou o alcalde Alejandro Lorenzo. “Tal e como se comprometeron dende a Diocese Tui-Vigo unha vez finalizaron as periciais pendentes no mes de xullo solicitáronse os pertinentes permisos para acometer a reforma. Tanto dende o Concello do Porriño como dende a Diocese axilizáronse os trámites para que as obras poidan iniciarse o antes posible”.
Lembramos que o edificio está danado dende o 16 de marzo de 2020, cando unha grúa pluma de grandes dimensións caeu sobre ela esnaquizando a cuberta e parte do seu interior. A Diocese de Tui-Vigo, propietaria do recinto relixioso, presentou unha reclamación contra as seis empresas implicadas no sinistro e as súas respectivas aseguradoras que está pendente de resolver.