O presidente da Xunta interveu na inauguración da XXIII edición da Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, enxalzou hoxe a Feira Internacional de Produtos do Mar Conxelados (Conxemar) como unha plataforma global que divulga a fortaleza da industria pesqueira galega e reforza o compromiso cunha pesca compatible co medio ambiente. Durante o acto de apertura da súa vixésimo terceira edición, Rueda incidiu en que coidar do mar é a mellor maneira de velar polo futuro do emprego e do sector e que, por esa razón, Galicia é a primeira interesada en protexer os recursos e promover unha actividade sustentable.
O mandatario autonómico afirmou que na nova edición de Conxemar, celebrada no renovado Instituto Feiral de Vigo (IFEVI), a Comunidade mostra ao exterior a puxanza da súa industria do mar –as empresas asociadas a Conxemar concentran o 60% da facturación nacional—, o compromiso co seu futuro –xa que nos 700 stands de 40 países poden verse as últimas tendencias do sector— e tamén as inquedanzas ante a alza dos custos e dos cambios normativos que cuestionan tanto esa potencia como o porvir da industria.
A ese respecto, Rueda sinalou que un territorio como Galicia, que acolle ao 40% das empresas do sector en España, non pode ignorar os seus retos e oportunidades, nin deixar de facer escoitar a súa voz ante decisións que sitúan en planos incompatibles o coidado do medio ambiente co mantemento da actividade económica. “En lugar de medio ambiente ‘ou’ economía, Galicia quere medio ambiente ‘e’ economía”, subliñou.
Logo de advertir que a partir deste domingo a pesca de fondo quedará prohibida en 87 zonas de augas comunitarias por decisión da Comisión Europea, o titular da Xunta tendeu a man ao Ministerio e recalcou que, ante a falta de tempo, unha moratoria sería a mellor solución posible para manter a actividade de xeito inmediato, mentres España –como Estado membro— prepara un recurso xudicial que consiga reverter a decisión.
Segundo explicou, Galicia discrepa tanto da forma como do fondo desta medida -xa que se trata dunha decisión unilateral que carece de argumentos técnicos, científicos e socioeconómicos solventes e actualizados- e que Galicia demostra que a pesca pode ser perfectamente compatible co coidado do ecosistema. “Queremos o mellor para o mar, que é o mesmo que dicir que queremos o mellor para Galicia”, subliñou.
Ademais, lamentou que se estean enviando mensaxes contraditorias á cidadanía, dado que a decisión semella ir en sentido contrario ao impulso da soberanía alimentaria europea e ao consumo de peixe polos seus beneficios para a saúde e a súa baixa pegada de carbono.
Así mesmo, Rueda reivindicou a convivencia que existe en Galicia entre actividade económica e conservación do medio ambiente no litoral galego. “Tan vital é protexer a costa do cambio climático como salvagardar as actividades que lle dan vida e garanten o equilibrio territorial”, indicou. Nesta liña, fixo un chamamento á cooperación e á responsabilidade das administracións públicas para atender a realidade da frota e garantir o seu futuro.
Ampliación do IFEVI
Na súa intervención, o presidente da Xunta subliñou que Conxemar abre as súas portas este ano nun IFEVI máis moderno, preparado e amplo. O recinto, que está ao 100% da ocupación, é unha mostra da importancia global da feira e confirma o papel de Vigo como capital europea do sector marítimo-pesqueiro.
Rueda incidiu en que o investimento realizado pola Xunta -de 23 millóns de euros- reflicte que Galicia pode e quere seguir sendo referente para a industria poñendo a disposición das empresas participantes arredor de 37.000 metros cadrados de superficie co obxectivo de poñer en valor o labor do sector.