viernes, noviembre 29, 2024
InicioComarcasLouriña"Camiñantes e cantantes" chega ao Porriño este domingo

«Camiñantes e cantantes» chega ao Porriño este domingo

Será a partir das 21.00 horas, na praza Arquitecto Antonio Palacios, e contará con La Ocaband e os artistas Lucía Pérez, Laura Añón, Manuel Manquiña e Pepo Suevos

O espectáculo “Camiñantes e Cantantes” chega ao Porriño este domingo 18 de setembro. O musical, que conta coa financiación da Xunta de Galicia ao abeiro do Xacobeo 22 e a colaboración do Concello do Porriño, foi presentado hoxe na casa consistorial.
“Trátase dun espectáculo totalmente en galego dirixido a un público familiar e coa agrupación La Ocaband como protagonista que contará con artistas galegos de primeiro nivel como Lucía Pérez e Laura Añón, que acompañarán ás voces da agrupación musical, ou Manuel Manquiña e Pepo Suevos, que participarán guiando o evento”, explicou o director artístico do evento, Dani Dopazo.
La Ocaband conseguirá que o público camiñe, a través dos artistas galegos de todos os tempos, polas distintas rutas xacobeas, guiados pola zona do artista en cuestión ou a través de recoñecidos temas de Fuxan os Ventos e A Roda, ou de reputados artistas galegos como Juan Pardo, Julio Iglesias, Cómplices ou Siniestro Total, entre outros.
“Ademais, contará tamén cun importante aporte audiovisual”, informou o produtor, Carlos Alleres. “As imaxes do Camiño de Santiago, gravadas con dron e outras técnicas de última xeración, formarán parte dos visuais que aparecen nas pantallas multimedia do espectáculo”.
“Camiñantes e Cantantes” emitirase en directo a través da canle de televisión A Nove, en TDT a través de todo o Eixo Atlántico. Tamén vía streaming en directo a través do YouTube de A Nove. Cabe destacar que antes de dar comezo o musical emitirase un programa de entrevistas a persoeiros destacados da veciñanza da vila.
“O Porriño é un enclave importante do Camiño Portugués e queremos poñelo en valor, por iso actividades como esta son sempre benvidas. Convidámosvos a todos a pasar un bo rato xuntos”, concluíu o alcalde Alejandro Lorenzo.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS