A farmacéutica Kern Pharma ten en proxecto instalar unha nova planta en Monforte de Lemos (Lugo) coa que triplicar a súa capacidade produtiva.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe o interese da multinacional Kern Pharma por asentarse en Galicia como unha demostración do potencial da Comunidade no sector farmacéutico. Nun encontro de traballo, responsables da firma do Grupo Indukern expuxeron o seu proxecto para instalar unha nova planta en Monforte de Lemos (Lugo) coa que triplicar a súa capacidade produtiva.
Rueda valorou positivamente a aposta por Galicia dun referente mundial na distribución de produtos químicos a través dunha iniciativa que, prevista para 2025, situarase no polígono de Reboredo, logo dun investimento inicial de 33 millóns de euros.
Tras a xuntanza, o presidente comprometeu o pleno apoio da Xunta ao proxecto, que prevé xerar 50 postos de traballo directos e alcanzará unha produción de 50 millóns de unidades na súa primeira fase.
Entre os apoios do Executivo autonómico ao sector, o mandatario autonómico sinalou novas figuras como a iniciativa empresarial prioritaria ou o proxecto industrial estratéxico, que permiten ás empresas beneficiarse dunha redución á metade dos prazos de tramitación.