Celébrase a feira de oportunidades con máis de vinte postos de roupa, calzado, óptica, mercería e accesorios
O Porriño acolle esta fin de semana, 10 e 11 de setembro, a XXVI edición da feira de oportunidades “Merca na rúa”, que como sempre se desenvolverá na zona peonil do centro urbano da vila.
Participarán máis de vinte stands con ofertas nunha ampla de produtos e sectores. Roupa, calzado, óptica, mercería ou accesorios son algún dos artigos nos que poderedes conseguir descontos desde o 60% e ata o 70%.
O evento, organizado pola Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño (Acipor) en colaboración co Concello do Porriño, terá lugar o sábado en horario ininterrompido de 10 a 21 horas e o domingo de 11.00 a 20.00 horas.
Ademais, para facilitar as compras ás familias, haberá inchables para os máis pequenos e a visita dos Bolechas que estarán no Merca na Rúa o sábado pola tarde a partir das 17. 30 horas. E o domingo pola tarde será a quenda de personaxes Disney.
Esta edición garda unha sorpresa moi especial, a que nos ten preparada a pequena pianista Dasha, que ofrecerá un concerto o sábado ás 19.30 horas na praza Arquitecto Antonio Palacios. Pechará a programación outra actuación musical, o domingo a partir das 20.00 horas.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, convidou a toda a veciñanza “a encher as rúas unha vez máis e desfrutar da vila mentres se benefician dos mellores descontos, á vez que contribúen a dar pulo ao noso comercio local”.