A cantante interpretará as melodías máis famosas de Disney no seu “Concert Kids”, que se celebrará o sábado 24 de setembro
Anunciado xa o concerto das Tanxugueiras, o venres día 30, outra das grandes citas musicais das Festas do Cristo protagonizaraa Gisela, a voz de Disney. O Porriño desfrutara do seu espectáculo “Concert Kids” o sábado 24 de setembro na rúa Domingo Bueno ás 21.00 horas.
Neste espectáculo musical para toda a familia Gisela transformarase nunha fada de voz anxelical e realizará xunto ao público unha viaxe máxica a través das cancións infantís máis coñecidas. Un percorrido musical con paradas en temas como “Colores en el viento”, “Sueña”, “Bella y Bestia” ou “Aquella estrella de allá” ilusionarán aos máis pequenos e farán revivir momento máxicos da súa infancia aos máis maiores.
A voz oficial de Disney en España
A compañía cinematográfica Disney seleccionou a Gisela entre todos os seus compañeiros de OT para interpretar o tema “Aquella estrella de allá”, da película “Peter Pan”. Dende entón, ela e Disney tiveron unha unión moi especial e a día de hoxe a cantante é coñecida por ser a voz oficial de Disney en España, o que a levou a interpretar as cancións máis coñecidas de películas como “Bella y Bestia”, “Peter Pan” ou “Frozen 2”.