domingo, noviembre 24, 2024
InicioComarcasLouriñaTodo preparado en Mos para a volta ás aulas

Todo preparado en Mos para a volta ás aulas

Supervísanse as melloras nos colexios e apróbanse as bases reguladoras de axudas para libros e material escolar e uso do servizo de comedor.

Mos triplica as axudas para comedor e duplica as de material escolar

Esta mañá celebrouse a Xunta de Goberno Local na que se aprobaron as bases reguladoras de axudas para libros e material escolar e uso do servizo de comedor escolar 2022-2023. A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, informaron de que o Concello de Mos multiplicou as axudas para escolares, tanto no que se refire a comedor como a material escolar. Apostando de xeito decidido polo apoio á conciliación da vida familiar e laboral dos pais, nais e familias mosenses.

As representantes municipais, Arévalo e Loureiro, explicaron que o pasado mes de xuño sacouse desde a administración local mosense unha convocatoria extraordinaria para triplicar o orzamento municipal destinado ás axudas para comedor escolar, pasando a cantidade anual destinada a tal fin de 10.000 euros a 30.000 euros. Polo que dos solicitantes da axuda para a anterior convocatoria, todos eles contaron con ela concedida.

A subvención concedida polo Concello neste senso é de 2 euros por menú de cada neno/a ao día.

Na presente convocatoria para estas axudas, cuxo prazo de inscrición ábrese este mes de setembro, manterase a mesma contía orzamentaria destinada a tal fin co obxectivo de poder seguir concedendo a subvención a todas as familias demandantes.

En canto ás axudas municipais para a adquisición de material escolar xestionadas pola concellería mosense de Política Social, tamén se duplicou o orzamento anual destinado a tal fin, pasando de 5.000 euros a 10.000 euros.

De cara ao presente curso 2022-2023, tanto as axudas para a adquisición de material escolar como de uso de comedor escolar, manteñen o importe multiplicado. No caso do material pásase, como xa se dixo, dos 5.000 aos 10.000 euros, para poder chegar ao maior número de familias.

Os pagos das axudas para comedor escolar inclúen este curso unha nova forma de pago trimestral. Os abonos das subvencións faranse cada tres meses, sendo o primeiro en decembro (para os meses de setembro, outubro e novembro), marzo (para os meses de decembro, xaneiro e febreiro) e xullo (para os meses de marzo, abril, maio e xuño). O prazo de presentación das solicitudes estará aberto dende o día seguinte á publicación no BOPPO.

Supervisión das melloras nos colexios previa ao inicio do curso o vindeiro xoves

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Educación, Julia Loureiro, visitaron os cinco colexios públicos de Educación Infantil e Primaria de Mos, Atín-Cela, Pena de Francia, Mestre Valverde Mayo (Sanguiñeda), Mestre Martínez Alonso (Castro-Mos) e Petelos, para supervisar os traballos de mantemento e optimización de posta a punto de cara ao inicio do curso o vindeiro xoves, día 8 de setembro. Os cinco CEIPs son obxecto de melloras das que se beneficiará a comunidade escolar neste novo curso 2022-2023. Melloras realizadas pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e polo propio Concello.
No CEIP Mestre Martínez Alonso as melloras realizadas son acometidas pola administración local na súa integridade e consisten no pintado de varandas, reparación de elementos do parque e reparación dos estores das fiestras en distintas aulas.
Pola súa banda, no CEIP de Petelos, a Xunta de Galicia fai un investimento de 215. 349,73 euros (IVE incluído) na substitución de toda a carpintería de aluminio (portas e fiestras) do centro e a ampliación do porche de entrada do alumnado de Educación Infantil. E o Concello asume a colocación de céspede artificial na devandita ampliación do porche e, no parque infantil, reparación de elementos existentes e instalación dun novo elemento de xogo.
No Colexio de Atín-Cela o Concello de Mos encargouse do remate do almacén anexo e nestes días colocarase tarima na biblioteca do centro. Ademais asume tamén a mellora do parque con adecuación do solo e instalación de novos elementos. E inviste 1.200 euros na posta a punto da instalación eléctrica da aula de informática.
Tamén no CEIP de Atín – Cela, a Xunta acomete a última fase da mellora integral do centro, co remate da renovación da carpintería de aluminio nas zonas que quedaban pendentes de substituír e substitución tamén dos falsos teitos e luminarias nos espazos nos que aínda non se fixera. Ademais procedeuse ao derrubamento do anexo-almacén do edificio e reparación de fachada, solicitado pola dirección e a ANPA do centro, á execución dunha rampla de acceso para arranxar o acceso polo devandito antigo anexo; e demolición e desamiantado de cubrición do patio interior, cuberto con perfil gran onda de fibrocemento, para a execución da nova cubrición do patio. Estas obras foron adxudicadas cun orzamento de 210.273,62 euros.
No CEIP Pena de Francia as melloras corren a cargo do Concello de Mos mediante a instalación en 5 aulas da tarima adquirida polo propio centro educativo, a substitución do caucho no firme do parque infantil exterior por céspede artificial e reparación dos elementos de xogo; e a semana que vén incorporaranse novos elementos.
Por último, no Colexio Mestre Valverde Mayo de Sanguiñeda realizáronse, por parte da Xunta de Galicia, tres obras que pretenden dotar ao centro dunha maior eficiencia enerxética, tales como, execución de cambio e renovación de todas as luminarias e falsos teitos, e construción dun almacén de 60 metros cadrados para material escolar, cun orzamento de 92.351,6 euros.
E por parte do Concello investíronse 2.000 euros na posta a punto da caldeira e na instalación dun novo ‘telefonillo’, reparáronse os elementos do parque e realizarase a próxima instalación dun novo elemento, e colocarase tamén céspede artificial no solo exterior de toda a fachada dianteira do edificio.
O Concello de Mos investiu máis de 30.000 euros tan só na mellora dos parques destes cinco colexios.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS