Todas as persoas interesadas en asistir xa poden recoller a súa entrada na oficina da OMIX no Multiusos das Pozas en horario de mañá ata o venres
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o concelleiro de Mocidade, Leo Costas, e a edil de Promoción Económica, Desenvolvemento Empresarial e Emprego, Julia Loureiro, anunciaron esta mañá no Concello xunto co organizador de Galiexpo Motor Show, Joaquín Portabales, que a veciñanza mosense poderá facerse con entradas gratuítas para este salón dedicado ao mundo do motor, grazas á colaboración entre a administración local e Galiexpo.
O salón terá lugar os vindeiros días 2, 3 e 4 de setembro no IFEVI, e todas as persoas interesadas en asistir de balde xa poden recoller a súa entrada na oficina da OMIX no Multiusos das Pozas en horario de mañá, de 09.00 a 14.00 horas, ata o venres 2 de setembro incluído. As entradas dispoñibles son limitadas e entregaranse un máximo de 2 entradas por persoa. O acceso para nenos/as ata 6 anos de idade é gratuíto, polo que non precisa de entrada.
As entradas que se agasallan permiten a entrada libre ao salón en horario de 10.00 a 21.00 horas. O acceso ao Drift e ao Drift nocturno teñen un suplemento de custe.
Galiexpo é un Salón dedicado ao mundo do motor e do espectáculo da velocidade sobre rodas. Máis de 25.000 metros cadrados dunha mostra incrible de automóbiles, que consolidou a este Salón en todo un referente a nivel nacional e que durante tres días consegue facer vibrar a toda a familia. Un ano máis estarán presentes nesta cita ineludible unha mostra impresionante de superdeportivos, vehículos clásicos, coches de competición, tuning, todoterreos, furgo camper, caravaning, camións, motocicletas, etc. Ademais da zona de exposición, Galiexpo Motor Swoh ofrece cada ano numerosas actividades e espectáculos como a xa clásica Exhibición de Drift Indoor de turismos que cada ano colga o cartel de completo nos seus numerosos pases. Nesta nova edición, como novidade, poderase gozar ademais do Drift Indoor ao volante dun camión, e por suposto tampouco faltará o Drift nocturno. O éxito desta feira a nivel nacional radica na perfecta combinación entre lecer e negocio, profesionais e público fixeron deste salón o Motor Show máis importante que se realiza actualmente nun recinto feiral na Península Ibérica. Esta XV Edición será de seguro unha fin de semana inesquecible.