O XV Dirt Track Xacob Agra, organizado polo Moto Club Papaya en colaboración co Concello do Porriño, disputarase o sábado 3 de setembro no velódromo municipal
A carreira nocturna, que dará comezo ás 21.00 horas, reunirá no óvalo porriñés a pilotos chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño.
O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado polo presidente do Moto Club Papaya, Joaquín Agra; o piloto local, Xacob Agra; o concelleiro de Deportes, Abel Estévez e o técnico de deportes do Concello do Porriño, Julio Bernárdez, presentaron hoxe o evento.
“Nomes como o de Xacob Agra levan ao Porriño por todo o mundo e tamén atraen a moitos outros deportistas e afeccionados de fóra”, afirmou o rexedor. “Por iso son tan importantes probas coma o consolidado Dirt Track do Moto Club Papaya e por iso dende o Concello esforzámonos a diario por apoiar esta e outras probas deportivas que impulsan os nosos clubs, algo que merece a pena en vista dos múltiples éxitos deportivos colleitados polos nosos deportistas”.
Como cada ano a proba desenvolverase en eliminatorias por grupos (clasificatorias, repescas, semifinais e finais). Prevese que disputen a proba arredor de 40 pilotos (20 en adultos e outros tantos na modalidade infantil) chegados de toda a xeografía galega e tamén do país veciño. “Entre os participantes, por suposto, o anfitrión Xacob Agra e o piloto porriñés gañador da última edición, Iago Martínez”, apuntou o edil de Deportes.