Está na UCI do hospital Arquitecto Marcide de Ferrol tras caerlle un raio cando paseaba na praia de Vilarrube (Valdoviño). Non había tormenta. A súa nai, enfermeira, axudou a reanimalo.
Aconteceu este martes arredor do mediodía e non había tormenta que fixese sospeitar que un accidente así puidese acontecer.
Tras acadalo o raio, o neno quedou inconsciente. Foi a súa propia nai e unha enfermeira que se atopaba na praia as que comezaron a practicarlle exercicios de reanimación mentres non chegaban os equipos de emerxencias.
Despois seguiu reanimando o cativo a Policía Local de Valdoviño con desfibrilador automático en canto chegaron.
Pouco despois chegou unha primeira ambulancia con persoal sanitario que seguiu atendendo o neno e axiña chegou outra ambulancia medicalizada e tamén un helicóptero medicalizado que o 061 desprazou desde Ourense, onde ten a base.
O alcalde de Valdoviño, Alberto González, que participou no dispositivo, sinalaba que afortunadamente «temos a sorte de dicir que se foi reanimado e puido ser trasladado ao hospital».
O neno foi trasladado finalmente estable e con pulso ao hospital Arquitecto Marcide de Ferrol, segundo informa o 112.