Os traballos de ampliación do Paseo do Louro, de continuación da humanización de Guizán e da senda do Foxo Vello en Pereiras comezarán o vindeiro mes de setembro
Este mércores aprobouse en Xunta de Goberno Local o expediente de contratación para iniciar a licitación de tres importantes obras para o Concello de Mos: a ampliación do Paseo do Louro cunha nova senda fluvial, a senda do Foxo Vello en Pereiras, e a senda peonil desde o Centro Cultural de Guizán ao Cruce do Moreno que suporá a segunda fase da humanización da Estrada Louriñó-Sobráns. Deste xeito estímase que as tres obras, nas que se fará unha inversión total de 1.254.264,80 euros, poidan ser iniciadas de cara ao vindeiro mes de setembro.
O proxecto denominado “Nova senda fluvial do río Louro, dende o Camiño de Lagoal na parroquia de Louredo, no termo municipal de Mos” ten como obxectivos ampliar e mellora da ruta fluvial do río Louro, con criterios ambientais e de accesibilidade, valorizando o patrimonio natural e cultural da zona para o goce de veciños/as e visitantes.
En concreto, e dentro das actuacións programadas, proxéctanse dous novos tramos de senda, os cales estarán conectados entre si por itinerarios naturais. O primeiro tramo, de 622 m de lonxitude, parte do Camiño de Lagoal e finaliza onde discorre un sendeiro existente. Este primeiro tramo sitúase fóra do DPH e mellora o acceso ao Muíño Novo e ao Muiño do Lagoal. A uns 150 m deste primeiro tramo, debido á gran pendente do terreo, deseñouse unha adecuación ambiental do carreiro existente, mediante a execución de banzos con materiais naturais, como rollizos de madeira e xabre estabilizado, así como elementos de apoio consistentes en postes de madeira e cordas de agarre. Como alternativa a este tramo máis difícil, proxectouse un ramal de unión cun camiño existente, máis afastado do río, que é máis accesible para as persoas de mobilidade reducida. O segundo tramo, de 150 m, parte do sendeiro existente e permitirá pasear preto do río e chegar á contorna do Muíño Branco, onde a servidume próxima ao río permite o tránsito ao Camiño de Noveleda. O proxecto prevé, ademais, a execución de plantacións de especies vexetais compatibles cos valores naturais da contorna. Os traballos tamén incluirán o desbroce e limpeza do só do entorno respectando o bosque de ribeira e especies locais e eliminando especies invasoras, mellorando o contorno. Acometeranse así mesmo solucións de drenaxe para resolver a saída das augas e mellora da sinalización e posta en valor dos elementos patrimoniais abandoados.
Os obxectivos da actuación son dar continuidade á senda fluvial actual de 3 km, entre o Camiño da Gata e o Camiño de Noveleda. O novo tramo de senda fluvial facilita a accesibilidade peonil dende o Camiño de Noveleda ata o Camiño Lagoal nunha lonxitude dun 1 km. Para elo o Concello de Mos fará un investimento de fondos propios municipais de 189.881,89 euros.
En canto á da obra de continuación da humanización de Guizán, no tramo Sobráns-Louriñó, continuando o trazado de beirarrúas para mellora da mobilidade peonil no primeiro tramo da estrada Louriñó-Sobráns xa realizado, a actuación desenvolverase ao longo de 2 quilómetros, partindo desde o Centro Cultural de Guizán cara ao cruzamento coa Estrada Puxeiros-Mos. O proxecto xera un espazo de tránsito seguro nunha estrada na que existe un elevado número de vivendas. Trátase dun proxecto de execución dunha nova beirarrúa desde o Centro Cultural de Guizán ata o chamado Cruce do Moreno (parroquia de Torroso), que será financiada con cargo ao Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
Nel aplicaranse criterios de mellora da seguridade vial, mobilidade sostible e posta en valor do patrimonio cultural. A actuación proxectada está motivada principalmente pola necesidade decreación dun itinerario peonil seguro nun percorrido con alta presenza de usuarios debido ó seu papel de conexión de equipamentos sociais, culturais e relixiosos.
O criterio principal de deseño é optar pola xeración de espazos de coexistencia, con preferencia peonil naqueles lugares onde as características espaciais da estrada o fagan posible.Buscando mediante a unificación dos pavimentos unha redución de velocidadepor parte dos vehículos que garanta a seguridade dos viandantes.
A beirarrúa discorrerá pola marxe esquerda e dereita, adaptándose aos condicionantes presentes no seu trazado, polo que será necesario ampliar a plataforma actual nalgúns tramos, tomando como criterio a conservación de todos os elementos construídos existentes. A beirarrúa contará con vados de acceso ás parcelas.
O orzamento base de licitación con IVE desta obra ascende a 657.456,66 euros.
A senda do Foxo Vello en Pereiras conta tamén con subvención ao Concello de Mos no marco do Plan Concellos 2022-2023, liña 1 – investimentos (anualidade 2022-2023). O importe total proxecto ascende a 406.926,42 euros.
A senda peonil e mellora da seguridade en Pereiras, inclúe entre as obras a realizar a construción dunha senda peonil dende a Igrexa da parroquia de Pereiras ata a senda de Atín, nas proximidades da estrada de titularidade autonómica PO-331. Coa execución desta obra, perséguese a mellora da circulación peonil tanto para a poboación en xeral como para os pais, nais e nenos do CEIP de Atín, e garantir unha comunicación segura dende a Igrexa ata estrada PO-331.
O tramo de actuación comprenderá dende o adro da Igrexa de Pereiras (punto 0+00) ata o remate da senda peonil de Atín (punto 0+720). No trazado diferenciaranse dúas zonas: zona 1.- camiño do Foxo Vello e camiño Pazos, discorrerá paralelo a traza de cada un dos camiños, seguindo a mesma configuración xeométrica cos mesmos. – camiño Pazos, marxe dereita. – camiño Foxo Vello, marxe esquerda e marxe dereita. Zona 2.- inmediacións do CEIP de Atín, circunda o peche do colexio definindo zonas verdes e de aparcamento. Adóitase este trazado para evitar grandes movementos de terra e muros de contención cunha altura máxima de 3,00 m., así como compensar os desmontes e os terrapléns. As obras comprenderán: construción dunha senda peonil co fin de darlle continuidade á senda de Atín. Remate da mellora do itinerario peonil ao CEIP de Atín dende o núcleo de Atín.
Realizarase a execución da recollida de augas pluviais dos camiños do Foxo Vello e Pazos, baixo o trazado da senda peonil, conducindo as mesmas ata un rego existente no camiño do Foxo Vello. Dotarase a senda de iluminación mediante farois situados cada 20-25,00 m. E sinalización viaria da senda, con sinais verticais e pasos de peóns elevados.
A mellora da seguridade viaria lograrase coa realización desta actuación comunicando equipamentos e favorecendo a integración e mobilidade. A senda estará destinada a dar servizo á mobilidade cotiá, executarase sen estreitar a beiravía existente e buscando a mellor integración paisaxística posible. Primará ante todo a seguridade viaria tanto dos vehículos como dos peóns