Setenta fotografías e un vídeo traen ao presente unha pequena parte da historia das familias de Ponteareas e da tradicional romaría da Picaraña e animan a todos aqueles veciños que teñan instantáneas a sumarse a esta iniciativa . O Concello de Ponteareas inaugurou onte en Artistea a exposición fotográfica “Revive A Picaraña” que estará aberta ao público ata o 2 de maio en horario de maña e tarde.
Con esta primeira acción o Concello de Ponteareas quere recuperar e por en valor esta romaría na que as familias do concello se reunían para celebrar a chegada do mes do maio. “A romaría da Picaraña forma parte das nosas lembranzas de nenas e de mozas, desas que te acompañan o resto da vida. A 387 metros de altitude e divisando moitas parroquias celebrábamos a chegada do mes de maio cun xantar popular, con celebracións litúrxicas, con xogos e con música tradicional”, explica a concelleira de Emprendemento, Silvia Fdez. Táboas.
Entrevista completa coa edil, Silvia Fernández:
A edil quere trasladar o seu agradecemento ao alumnado do Programa de Emprego “Compromiso Xuvenil” e ao profesorado por desenvolver esta actividade na que traballaron coa cidadanía para recoller fotografías. Fernández Táboas traslada que todas as persoas que queiran aportar poden achegarse a Artistea, na Praza Maior, coas súas fotos que serán escaneadas e devoltas no momento.
Deste xeito recupérase a memoria dunha romaría que se celebra nun espazo natural formado por bosque atlántico das parroquias de San Lourenzo de Oliveira, a de Arcos e a de Ponteareas. Este bosque destaca polas formación rochosas, Pena do Equilibrio ou Pena dos Namorados entre outras, que son un atractivo turístico. Ao igual que a romería, as coñecidas penas son testemuño das historias de vida das e dos ponteareáns e protagonizan lendas de tradición popular. Súmanse a esta atractiva fórmula, elementos históricos de especial relevancia como a Cruz Xubilar que engalana o monte ou a ermida da Santa Cruz e o viacrucis da Picaraña.
A historia
Máis aló do carácter relixioso da festividade, «están a gastronomía, a música e bailes tradicionais, xogos populares e incluso eventos deportivos que se desenvolven arredor da romaría», segundo indican desde a administración local.
“No noso Inventario do Patrimonio Cultural do Proxecto Monte Landín recollemos a importancia deste evento ao que concorrían grupos de persoas de tódalas parroquias da vila ponteareá, que tradicionalmente saian xuntos dende cada Igrexa Parroquial para xuntarse todos no alto da Picaraña. É isto o que queremos devolver á Picaraña, a unidade veciñal para realizar xuntos un percorrido natural e celebrar no alto do monte”.
Tradicionalmente cada parroquia traía cadansúa cruz engalanada con flores naturais relacionadas cos maios de orixe prerromana e pagá. Destaca a concelleira que ademais este é un punto de especial interese histórico. “No lugar onde se atopa a Pena dos Namorados atopáronse elementos paleolíticos e da Idade do Ferro. Ademais coñécese a existencia dun castro, que aínda non foi estudado nin escavado. O castro sería posteriormente romanizado e parte das súas construcións defensivas aproveitaríanse para a construción do castelo medieval”.
No propio monte atópanse elementos culturais tan relevantes como o convento de San Diego de Canedo, o castro de Troña ou, moi próximo, ao coñecido Castillo de Sobroso.
Máis fotografías
A alcaldesa Nava Castro quixo agradecer a aportación da cidadanía e o traballo do Programa de Emprego “Compromiso Xuvenil” na modalidade de dinamización turística. “Hoxe recolledes nesta exposición 70 fotografías que relatan unha parte da historia das familias de Ponteareas. Serán moitas as persoas que se acheguen a visitala e se emocionen coas lembranzas que revivirán. Animamos a máis veciños e veciñas a aportar as súas fotografías”. Nava Castro sinalou tamén que esta acción supón para o alumnado de “Compromiso Xuvenil” unha importante aprendizaxe avanzando no coñecemento da vila “para poder difundir e deseñar accións relacionadas co moito que temos para ofrecer”.
O Concello convida a achegar as fotografías de xeito presencial en Artistea ou tamén por correo electrónico pecompromisoxuvenil@ponteareas.gal
Na exposición, as persoas que se acheguen poderán atopar instantáneas cedidas pola familia Montero Lamora, por Fito Álvarez, pola veciñanzas das parroquias de San Lourenzo de Oliveira e polo arquivo municipal.
