A Semana de Teatro Amador cumpre quince anos, sendo unha cita xa consolidada no programa cultural das Festas de San Telmo e que «representa un firme compromiso do concello de Tui coa promoción da creación escénica local e coa posta en valor do teatro feito desde a base» aseguraban dende o goberno local.
Desde o seu nacemento, esta iniciativa ten como obxectivo pór en valor o traballo que realizan os grupos de teatro das distintas asociacións culturais tudenses, brindándoselles a oportunidade de actuar no Teatro Municipal en igualdade de condicións técnicas e escénicas que as compañías profesionais, recoñecendo así o seu labor.
A XV Semana de Teatro Afeccionado desenvolverase entre o martes 22 e o venres 25 de abril, cunha programación na que todos os grupos tudenses estrean as súas novas producións, sendo esta cita anual un lugar de referencia para dar a coñecer os seus traballos ante o público.
O grupo de teatro A Insua de Caldelas será o encargado de abrir esta programación o martes 22 ás 21:00h coa estrea de “Habelas Hainas”.
O mércores 23 será a quenda do grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis coa estrea de “Cun pé no ceo”. O elenco actuará no Teatro Municipal de Tui ás 21:00h.
O xoves 24 á mesma hora, no Teatro Municipal actuará o grupo Chirlomirlo Teatro de Randufe onde estrearán a súa nova obra “Arraiadas”.
Pecha esta XV Semana do Teatro Amador o grupo San Fins de Rebordáns con “O amor non ten idade” o venres 25 ás 21:00h.
As entradas para a XV Semana do Teatro Amador están á venda en tui.gal ao prezo de 2€. O mesmo día da función poderanse mercar no despacho de billetes do teatro dende ás 20:00h.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, anima a “ achegarse ao teatro e desfrutar do gran traballo destes grupos, que cada ano amosan o mellor da súa paixón polo teatro”.
