lunes, abril 21, 2025
InicioNewsActualidadeA Praza de Abastos do Porriño será modernizada cun investimento de máis...

A Praza de Abastos do Porriño será modernizada cun investimento de máis de 400.000 euros

O Concello do Porriño seguirá avanzando na modernización e mellora do seu Mercado Municipal grazas á concesión dunha nova subvención da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración. Esta achega, enmarcada na creación dunha rede galega de mercados excelentes, permitirá acometer unha nova fase de intervencións cun investimento total que supera os 400.000 euros, dos cales máis de 320.000 euros serán financiados pola administración autonómica.

Este novo impulso enmárcase nun proxecto estratéxico posto en marcha polo Concello no ano 2023, cunha visión clara: «transformar a praza de abastos nun espazo moderno, funcional e acolledor, que responda ás necesidades actuais tanto dos praceiros como da clientela». A actuación busca adaptar o mercado aos novos hábitos de consumo sen renunciar á súa identidade nin ao seu valor arquitectónico e histórico, preservando a esencia dun edificio que forma parte do patrimonio e da memoria colectiva do Porriño. O edificio, obra do prestixioso arquitecto José Bar Boo, segue a ser un símbolo do centro urbano e comercial do Porriño, e «a súa recuperación integral constitúe unha prioridade para o goberno local» aseguran.

O alcalde, Alejandro Lorenzo e a concelleira de Mercados, Antía Carrera, reuníronse co colectivo de praceiros e praceiras para explicarlles en detalle as actuacións previstas e trasladarlles de primeira man a confirmación da concesión desta nova subvención. Ambos trasladaron a súa intención de manter un diálogo constante co sector durante todo o proceso, co fin de que cada paso responda ás necesidades reais da veciñanza.

Durante a reunión, o alcalde sinalou que este novo investimento permitirá seguir avanzando na mellora dun espazo que é clave para a vida social e económica da vila. “Falamos dun mercado que forma parte da nosa identidade, tanto desde o punto de vista arquitectónico como comercial. A nosa responsabilidade é coidalo, actualizalo e poñelo ao día para que siga sendo útil, funcional e atractivo tanto para os praceiros como para os veciños e veciñas que cada día confían no comercio de proximidade”, afirmou Lorenzo.

Antía Carrera tamén puxo en valor o papel do mercado como motor de dinamización económica local e espazo estratéxico para o pequeno comercio. “Estas melloras non son só un investimento en obra; son un investimento na nosa economía local, nas persoas, nos vínculos de confianza entre quen vende e quen compra. Apostamos por un modelo que combina tradición e innovación, adaptado aos novos tempos pero profundamente enraizado no Porriño”, engadiu.

A nova fase incluirá a rehabilitación da cuberta e a restauración das fachadas, que permitirán mellorar a conservación e a imaxe exterior do edificio. No interior, reordenaranse os postos de venda, especialmente nas zonas de peixaría e froitería, que contarán cun novo deseño máis moderno, eficiente e adaptado ás súas necesidades específicas. Incorporaranse novos sistemas de iluminación, estruturas de protección solar e equipamentos comerciais de uso común como cámaras de frío, taquillas térmicas e espazos de almacenamento.

A intervención tamén contempla a recuperación dos locais actualmente baleiros para favorecer a súa ocupación por novos negocios, o acondicionamento da sala de estar, a renovación completa dos aseos da planta baixa e superior, e a mellora dos accesos, incluíndo a instalación de novas portas automáticas para a entrada de mercancías. Todo isto realizarase co máximo respecto ao valor patrimonial do edificio e cun enfoque centrado na sustentabilidade, a eficiencia enerxética e a calidade dos servizos.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS